
Xa está dispoñible a pre-reserva das localidades para o encontro a domicilio ante o Rayo Vallecano, correspondente á Xornada 11, que terá lugar o vindeiro domingo 31 de outubro ás 16:15 h no Estadio de Vallecas.
A continuación, explicamos polo miúdo como realizar o proceso e cales son os pasos que hai que seguir desde o Portal do Celtista para esta reserva de entradas.
1. Pre-reserva e adxudicación
Para optar a unha entrada na bancada visitante, cuxo prezo será de 40 €, é necesario realizar unha inscrición no Portal do Celtista de maneira individual ou en grupo (dun máximo de 6 celtistas). A pre-reserva estará dispoñible desde hoxe, luns 26 de outubro, ás 18:00 h, ata mañá, martes 27 de outubro, ás 18:00 h.
A venda é exclusiva para celtistas en calquera das súas modalidades.
Este proceso de pre-reserva permite participar no proceso de adxudicación, que se rexe polos seguintes criterios:
- 75 % das entradas adxudícanse segundo a antigüidade: tense en conta a media de antigüidade no caso dos grupos e a antigüidade individual nas solicitudes persoais.
- 25 % das entradas adxudícanse mediante un sorteo puro entre os restantes solicitantes.
Unha vez finalizado o proceso de adxudicación, o martes 27 de outubro comunicaráselles por correo electrónico aos gañadores o resultado do sorteo.
O Celta disporá unicamente de 143 entradas para este encontro.
2. Pagamento final para as persoas seleccionadas
Os celtistas que resulten seleccionados recibirán un correo electrónico de confirmación coas instrucións para completar a compra da entrada.
- Para formalizar a compra, deberán seguir as instrucións indicadas no correo recibido.
- Completar o pagamento nun prazo máximo de 24 horas desde a recepción do correo.
⚠ Importante: Se o pagamento non se realiza dentro do prazo indicado, perderase o dereito a mercar a entrada.
3. Devolución para as persoas non seleccionadas
Aquelas persoas que non resulten seleccionadas recibirán un correo electrónico coa correspondente notificación. No caso de aboar algún importe en concepto de pre-reserva, procederase ao seu reembolso íntegro de forma automática.
4. Confirmación e entrega das entradas
As entradas serán en formato físico e deberán recollerse nas billeteiras da Área Celtista exclusivamente o xoves 29 de outubro, de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 19:00 h.
Lembramos que as entradas son nominativas e que se poderá solicitar o DNI xunto coa entrada no acceso ao estadio.
O club lamenta non ter podido comunicar antes esta información nin habilitar con maior antelación a xestión das entradas, xa que, por razóns alleas á súa vontade, non dispuxo destes datos con anterioridade. Malia a escasa marxe de tempo, o Celta espera contar co apoio do celtismo e agradece a todos os afeccionados o seu interese e as súas ganas de acompañar o equipo nesta cita en Madrid.
Vémonos en Vallecas, celtistas!