
Hai historias que se contan con palabras, outras que se transmiten de xeración en xeración e algunhas que permanecen para sempre nunha imaxe. O Celta pertence a todas elas. Ao longo de máis dun século, as súas cores pintaron a vida de milleiros de galegos, cruzaron fronteiras e uniron persoas e lugares baixo un mesmo sentimento. Unha historia que tamén ten rostro, o de quen, co seu fútbol e coa súa maneira de encarnar este escudo, deixou unha pegada imborrable no celtismo.
Con esa memoria como fío condutor, o templo celeste abre as súas portas á exposición fotográfica ‘As cores de Galicia: o celeste na pel’, unha ollada á historia do Celta a través dalgunhas das súas grandes lendas, retratadas por Lucas Méndez e Enrique Méndez. Unha proposta cultural que pon en valor o talento galego e rende homenaxe a quen contribuíu, e segue a contribuír, a construír a identidade do club.
Máis de 70 anos de fútbol cobran vida nesta exposición de fotografía analóxica, que reúne once futbolistas nados nas catro provincias galegas para dar forma a un once histórico, galego e de canteira. Catoira, Nigrán, Cangas, Moaña, Ferrol, Santiago de Compostela, Ourense, Lugo e Carballiño foron os escenarios elixidos para retratar once nomes unidos por unha mesma maneira de representar Galicia e sentir o Celta.
Entre os protagonistas deste percorrido están Sergio Álvarez, Jorge Otero, Manolo, Gelo, a familia Fernández, Alvelo, Vicente e Cesáreo Rivera. Unha viaxe por distintas épocas que tamén atopa o seu lugar no presente con Iago Aspas, capitán que afronta o seu último ano como xogador e cuxa pegada xa forma parte para sempre da nosa historia. 56 imaxes nas que as lendas celestes visten equipacións históricas do Celta, cedidas por José Carlos Rebollar para esta reportaxe fotográfica. Unhas prendas que axudan a situarnos e transportarnos a momentos concretos da historia do club.
A inauguración terá lugar o luns 2 de novembro, ás 19:00 horas, na tenda de Abanca Balaídos, cun faladoiro no que participarán representantes do club, o propio Lucas Méndez e algunhas das lendas protagonistas da mostra. Será unha oportunidade para achegarse ás súas historias, compartir lembranzas e descubrir todo o que hai detrás de cada retrato.
Posteriormente, a exposición permanecerá aberta ao público ata o 13 de novembro na explanada de Tribuna, no espazo que habitualmente acolle as Xuntanzas celestes de inicio e final de tempada. A entrada será de balde para que todo o celtismo poida achegarse a gozar desta proposta, dunha Galicia retratada en celeste, dunha historia que merece ser mirada de preto. Agardámosvos alí, celtistas!