
O Celta puxo fin á súa xeira de oito xornadas consecutivas sen perder en LaLiga tras caer por 3-0 ante o Rayo Vallecano no Estadio de Vallecas nun encontro no que a falta de acerto terminou condenando ao equipo. A pesar de dispoñer de ocasións para meterse no partido, o conxunto de Claudio Giráldez non atopou o camiño do gol e acabou pagando moi caro a efectividade dos locais.
Os celestes comezaron buscando ter o balón e afastar ao Rayo da súa área, pero custoulles dar continuidade ao seu xogo e os madrileños foron gañando presenza en campo contrario. Tanto que Radu tivo que intervir en varias ocasións para evitar o gol. A pesar da presión local, o Celta tamén atopou as súas opcións. A máis clara chegou nunha rápida transición que Javi Rueda culminou cun centro á área ao que Hugo Álvarez estivo moi preto de chegar para adiantar aos seus.
Cando mellor parecía atoparse o equipo vigués, unha perda na saída de balón permitiu ao Rayo lanzar unha contra que De Frutos converteu no primeiro tanto. Tras o descanso, o Celta volveu dispoñer de oportunidades para empatar, sen éxito. Mentres, o Rayo Vallecano non pasaba unha e ampliaron a súa vantaxe cun dobrete de De Frutos. Xa no tramo final, Unai López aproveitou unha nova perda en campo celeste para establecer o definitivo 3-0.
Unha tarde pouco afortunada para o Celta, que non atopou precisión en ataque e concedeu demasiado ante un rival que soubo aproveitar as súas oportunidades. Toca pensar xa na seguinte cita no calendario que será a cuarta xornada da fase de grupos da UEFA Europa League. O Celta recibirá ao Union Saint-Gilloise este xoves, 5 de novembro ás 21:00h., en Abanca Balaídos.
FICHA TÉCNICA:
3 – Rayo Vallecano: Audero; Ratiu, Mujaid, Lejeune, Pedrosa (Jozhua, min. 60); Valentín (Bouaré, min. 63), Pedro Díaz; De Frutos, Unai López (Alemao, min. 79), Álvaro (Tsitaishvili, min. 46); e Camello (Isi Palazón, min. 60).
0 – Celta: Andrei Radu, Javi Rodríguez, Yoel Lago, Sebastián Cáceres (Sergio Carreira, min. 61), Javi Rueda, Ilaix Moriba, Aleix Febas, Javi Galán (Williot Swedberg, min. 61); Hugo Álvarez (Couhaib Driouech, min. 75), Ferran Jutglà (Iago Aspas, min. 61) e Hugo González (Pablo Durán, min. 43).
Goles: 1-0, min. 36: De Frutos; 2-0, min. 54: De Frutos; 3-0, min. 72: Unai López.
Árbitro: Orellana Cid (Comité andaluz). Por parte do Celta, amoestou a Williot Swedberg. Mentres, por parte do Rayo Vallecano, recibiron cartolina amarela Unai López e Bouaré.
Incidencias: Partido correspondente á Xornada 11 de LaLiga EA Sports disputada no Estadio de Vallecas ante 11.714 espectadores. Nos prolegómenos do encontro gardouse un respectuoso minuto de silencio en memoria das vítimas do accidente ferroviario de Toledo.