O Celta inicia a tempada ante o Espanyol con novos actos conmemorativos do aniversario do club
O Real Club Celta celebrará este luns antes do comezo do primeiro encontro da tempada novos actos conmemorativos do 90 aniversario do club, que terá lugar o día 23 do presente mes de agosto.
O club anima a abonados e afeccionados a que enchan o estadio para participar nos actos programados co fin de posibilitar o seu correcto desenvolvemento e potenciar a súa vistosidade, e, por suposto, para arroupar ao equipo no seu debut en Liga ante o Espanyol.
Ás 21.30 horas, comezarán estes actos coa presentación dos equipos que integran as categorías inferiores do club, o futuro dunha entidade envorcada na potenciación e desenvolvemento da súa canteira.
Xusto antes de comezar o choque, os afeccionados levantarán as cartolinas depositadas nos seus asentos para despregar un enorme mosaico en todo o estadio coa lenda “90 anos xuntos”. Tamén haberá sobre o céspede bandeiras xigantes con motivos alusivos á celebración do 90 aniversario do Real Club Celta.
Retomaranse ademais as iniciativas iniciadas a pasada tempada polo club para que os afeccionados canten o himno a “capella” e coreen os nomes dos xogadores celestes no momento no que se facilite a aliñación pola nova megafonía de Balaídos.
Estes actos completaranse con algunhas sorpresas para redondear unha gran festa no inicio dunha ilusionante tempada.