Hemeroteca canteira

O filial resiste ante o Ourense no Couto

RC Celta

fb.jpg

O Celta B logrou un valioso empate ante un rival aguerrido (0-0). Gran actuación do porteiro Rubén Blanco

 

Partido de sufrimento para o Celta B, que se viu superado por un CD Ourense que parecía xogar máis cómodo sobre o céspede do Couto, nun notable mal estado. O encontro arrincou moi disputado, cos dous equipos pelexando o balón. No minuto 14 Álex Fernández deu o primeiro aviso dos locais cun remate cruzado que se marchou fóra por moi pouco. Replicou David Añón para os celestes, que puxo a proba ao porteiro ourensán cun disparo escorado desde a dereita.

 

O filial céltico comezou a ter dificultades para dar saída ao esférico e vía como o Ourense aproveitaba para xerar perigo, sobre todo por medio de centros laterais e xogadas a balón parado. No minuto 23 os xogadores locais reclamaron unha man na área de Soto, acción involuntaria na que enviou o remate de Borja Yebra ao traveseiro. O conxunto do Couto buscaba con firme determinación a portería defendida por Rubén Blanco.

 

Á media hora Álex Fernández gozou de novo dunha boa oportunidade, na que enviou a pelota por enriba do traveseiro. Poucos minutos despois era Gustavo Souto o que volvía tentalo sen éxito. O Celta B pasaba apuros pero era capaz de manter a súa portería a cero. O Ourense rozou o primeiro tanto ao bordo do descanso cun cabezazo de Adrián Cruz, que rebotou no poste dereito e foi parar con fortuna ás mans do gardameta céltico Rubén Blanco. Aitor pechou a primeira parte cun disparo na área auriense, demasiado desviado.

 

Tras a continuación mantívose a dinámica do primeiros corenta e cinco minutos. O Ourense buscaba con insistencia o gol e o Celta B resistía atrás con ocasións puntuais. Álex Fernández, moi activo, enviou outro balón ao poste da portaría olívico no minuto 58. Os ourensáns non pararon de tentalo até o final do encontro, pero a imprecisión dos atacantes ourensáns e un gran Rubén Blanco impediron que o marcador se decantase a favor do cadro locatario.

 

O porteiro celeste luciuse no minuto 78 cunha parada por alto ante un remate de cabeza de Borja Yedra e no 82 cunha enorme estirada coa que repeleu un potente disparo de Iker Alegre desde fóra da área. O filial, que parecía poder facer dano á contra, inquietou a Manu Taboas por medio de Goldar, que cabeceou na área pequena ás mans do porteiro ourensán, e de Añón, que tentou sorprender cun disparo colocado. Punto valioso para o filial.

 

FICHA TÉCNICA

 

0-CD Ourense: Manu Taboas, Yosu, Pinillos, Moisés, Portela, Yebra (Arce, min.84), Iker Alegre, Juan Martínez (Álex Fernández, min.10), Gustavo Souto, Adrián Cruz e Borja Valle (Javi Hernández, min.73)

 

0-Celta B: Rubén, Pablo Pérez (Borja Domínguez, min.61), Soto, Goldar, Maceira, Antón, Javi Rey, Borja Fernández, Añón, Aitor (Fernán, min.59) e Thaylor (Borja Iglesias, min.65)

 

Goles: sen goles

 

Árbitro: Román Román, do colexio castelán leonés. Amonestou a Soto, Portela, Maceira, Rubén Blanco, Goldar, Gustavo Souto, Javi Rey, Fernán

 

Campo: O Couto

 

Fotografía: Marta Grande

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira

Noticias recomendadas