Primeiro Equipo

Un Celta colosal golea ao Barcelona en Balaídos

RC Celta

celta-barcelona-4-1-1516.jpg

 

Un Celta superlativo, desde o primeiro dos seus xogadores até o último dos seus afeccionados, ofreceu unha nova exhibición de ambición, intensidade e fútbol para superar con claridade ao Barcelona. Delirio en Balaídos ante unha goleada con tantos de Iago Aspas, dúas, Nolito e Guidetti.

 

Gran arranque do Celta, con dez minutos espléndidos, de dominio absoluto, con boas chegadas, pero sen rédito. O Barcelona apareceu despois, cun par de ocasións esporádicas, pero que obrigaron a Sergio a intervir, con acerto.

 

Logo houbo intercambio de golpes, ida e volta, gran ritmo e moita emoción. E aos 25 minutos, unha obra de arte. Nolito recibiu tras unha brillante xogada pola banda de Hugo Mallo, parou o coiro na lateral da área e colocou unha rosca perfecta que superou a Ter Stegen.

 

Cinco minutos despois, Nolito rouba a Piquei cede a Iago no medio campo, veloz carreira cara á área e espectacular vaselina do canteirán para anotar o segundo. Golazo. E puideron ser máis, con remates e chegadas tras formidables xogadas dun Celta cegador. Ao descanso, clara e merecida vantaxe dun equipo que namorou á entregada afección céltica.

 

Tras a continuación. Iago Aspas a punto estivo de meter o terceiro tras un roubo de Wass. O remate do ariete saíu rozando o pau. E á madeira foi un remate posterior de Messi tras unha contra do Barcelona.

 

Aos 10 minutos, outra obra de arte. Balón longo de Nolito cara a Iago Aspas, chapeu ao último defensa, carreira desenfreada cara á área e remate cruzado á rede. Delirio na bancada.

 

O Barcelona, como non podía ser doutra maneira, envorcouse arriba, puxo a proba a un gran Sergio -enorme- e deixou espazos atrás que os celestes aproveitaron para xerar boas ocasións. A falta de 11 minutos, Neymar recibiu un bo pase ás costas da defensa e anotou o primeiro do Barcelona.

 

Aos 37 minutos respondeu o Celta. Gran internada de Hugo Mallo, pase cara a Guidetti, que acababa de entrar ao campo, control e disparo á rede. Balaídos veu abaixo, coa Rianxeira percorrendo a bancada.

 

FICHA TÉCNICA

4-RC Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny, Augusto, Radoja (Pablo Hernández, min.75), Wass (Planas, min.84), Orellana, Nolito e Iago Aspas (Guidetti, min.76).

 

1-FC Barcelona: Ter Stegen, Dani Alves, Piqué, Mascherano, Mathieu, Busquets (Rakitic, min.66), Sergi Roberto (Munir min.57), Iniesta, Neymar, Messi e Luis Suárez.

 

Goles: 1-0, min.25: Nolito; 2-0, min.29: Iago Aspas; 3-0 min.56: Iago Aspas; 3-1, min.79: Neymar; 4-1, min.83: Guidetti.

 

Árbitro: Undiano Mallenco, do comité navarro. Amonestó a Busquets, Neymar, Hugo Mallo, Sergi Gómez.

 

Campo: Balaídos. 23311 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Primeiro Equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas