O Celta caeu en Málaga nun día aciago. Os locais anotaron nos seus dous primeiros remates e os célticos topáronse coa madeira e cun penalti inexistente que supuxo a expulsión de Rubén con moitos minutos por xogarse. Os celestes non se renderon a pesar de xogar en inferioridade e tentárono até o final sen éxito.
Co partido enteiro, e o Celta chegando ben, unha xogada de fortuna permitiu ao Málaga tomar vantaxe ao sete minutos. Foi un centro desviado por un celeste que cambiou de traxectoria, despistou a Rubén e caeulle ao Charles, quen cabeceou á rede. Até ese momento, o cadro visitante había tocado ben e anulado ao seu rival.
O Celta puido empatar aos 20 minutos cun gran centro de Iago Aspas que Orellana rematou lixeiramente desviado. Pero o que mar-ou de novo, nun saque de esquina, foi o Málaga, Albentosa cabeceou á rede na área pequena. Dous remates, dous goles, máxima efectividade do conxunto local.
O traveseiro evitou que os célticos recortasen a súa desvantaxe aos 41 minutos. Brillante xogada colectiva con remate final de Wass á madeira. O infortunio seguía enroscado no Celta na Rosaleda. O certo é que o descanso chegou cunha vantaxe excesiva e inmerecida dun Málaga que marcou todo o que rematou. Os célticos non acertaron as súas.
Tras a continuación, o Celta tomou o dominio e comezou a enlazar chegadas. Bongonda entrou por Jonny nun claro xiro ofensivo para un conxunto vigués que non acababa de aproveitar as súas oportunidades.
O partido cambiou de maneira brusca aos 18 minutos cun penalti e a expulsión de Rubén, que parece chegar ao balón antes que o dianteiro. Erro tremendo do colexiado, agrandado pola inxusta expulsión. Sergio, quen entrou por Señé, detivo o lanzamento de Amrabat.
O Celta seguiu tentándoo, pero non era o día.
FICHA TÉCNICA
2-Málaga CF: Kameni, Rosales, Albentosa, Weligton, Boka, Camacho, Recio, Juanpi (Duda, min.81), Amrabat, Čop (Pablo, min.61) e Charles (Ontiveros, min.88)
0-RC Celta: Rubén Blanco, Jonny (Bongonda, min.56), Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Planas (Radoja, min.77), Wass, Pablo Hernández, Orellana, Señé (Sergio, min.65) e Iago Aspas
Goles: 1.0, min.7: Charles; 2-0, min.20: Albentosa
Árbitro: Vicandi Garrido, do comité vasco. Amonestou a Cabral, Pablo Hernández, Amrabat, Recio, Camacho, Charles
Campo: La Rosaleda