O canteirán Jonny agradeceu que a afección acudise ao adestramento deste sábado para animar ao equipo e resaltou a importancia de sentir o seu apoio ao longo de toda a tempada: “É moi bonito. Sabemos que están ao noso lado. Tamén son moi importantes os xestos fóra de casa, como pasou en Xixón. É de agradecer e oxalá este ano podámosllo devolver clasificándonos a Europa”, sinalou.
Sobre este obxectivo, que podería alcanzarse matematicamente este luns en Balaídos ante a Granada, valorou que aínda “sendo sétimos sería unha boa tempada” pero insistiu en que a vontade do vestiario é a de “quedar o máis arriba posible” para así evitar as previas: “Oxalá logremos a clasificación o luns. A celebración será con toda a xente que vaia a Balaídos, o que salga no momento, pero aínda quedarán tres partidos e imos tentar gañar o máximo número de puntos posibles”.
O galego advertiu do perigo dun rival como a Granada, aínda na loita pola permanencia, e espera un choque complicado: “Van vir a xogarllo todo. Temos que manter a calma e levar o partido ao noso xogo. As últimas xornadas son sempre difíciles de gañar e sobre todo cando te enfrontas aos que se están xogando a vida”, indicou. Por último, preguntado polo seu futuro deportivo, Jonny foi rotundo: “Estou moi contento aquí. É bonito que outros clubs se fixen en ti, pero o único no que penso é en seguir crecendo co Celta e ir á Europa League”.