O RC Celta xa está en Uruguai. Os celestes realizaron este martes o primeiro adestramento en terras uruguaias, no Estadio Gran Parque Central do Club Nacional, e atopáronse cos xogadores e técnicos do RC Deportivo, con quen conversaron amenamente ofrecendo unha imaxe de deportividade e bo ambiente.
Este xoves terá lugar o primeiro dos partidos organizados no marco da LFP World Challenge, un choque especial por tratarse da primeira vez na que se xoga un derbi de equipos españois no estranxeiro. Celta e Deportivo enfrontaranse no Estadio Gran Central a partir das 22:30 (hora peninsular española), un emocionante encontro que poderá seguirse a través da TVG, beiN sports, GOL e a canle oficial de LaLiga en YouTube.
O segundo e último partido do Celta en Uruguai terá lugar o sábado ás 21:00 no mesmo escenario, o Gran Parque Central, ante o equipo local, o Club Nacional de Football.