Iago Aspas, canteirán do RC Celta e dianteiro do primeiro equipo celeste, recibiu nas últimas horas a chamada da Selección Española para incorporarse canto antes á concentración do combinado español na Cidade Deportiva de Las Rozas en substitución do lesionado Diego Costa.
O atacante galego estréase nunha convocatoria da absoluta, un premio ao espectacular momento de forma do xogador formado nas categorías inferiores do Celta. Esta merecida convocatoria é un recoñecemento non só para Iago Aspas, senón tamén para o equipo, o club, o celtismo e a canteira do RC Celta.
A Selección Española enfróntase a Macedonia este sábado en Granada en partido clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018 e o vindeiro martes disputará un amigable ante Inglaterra no emblemático londiniense de Wembley.