ESCUDO-1300x400-02
Celtismo

GRAZAS, AFECCIÓN: A calor do celtismo na bancada empuxa o bo xogo do equipo

RC Celta

A unión fai a forza non é un simple proverbio. Para o RC Celta e a súa afección, é o motor que sempre empuxou ao equipo, unha das claves do proxecto celeste nos momentos de maior esixencia e o catalizador dun sentimento valioso, único e compartido por toda a familia celtista: EQUIPO + AFECCIÓN = AFOUTEZA.

Tras máis de seiscentos días sen gozar do empuxe sen limitacións do celtismo por causa da pandemia, as bancadas de Abanca Balaídos recuperaron o cento por cento de capacidade ante o Sevilla, unha situación que continuou na xornada intersemanal ante a Real Sociedad.

Os afeccionados celtistas que acudiron á cita co seu equipo responderon con fartura, de maneira sobresaliente, alentando sen cesar desde o asubío inicial e até o último segundo do tempo de desconto, empuxando aos xogadores e dándolles ese plus que axudou a pór en práctica un xogo merecedor de moito máis. Ademais, ante a Real Sociedad fixérono baixo unha intensa chuvia que non deu tregua, como tampouco a deron as voces e cánticos do celtismo, impermeables ás inclemencias do tempo.

Os resultados non se deron nas últimas dúas xornadas en casa, pero si as sensacións, a entrega e a unión, tanto no campo como na bancada. Desde o RC Celta queremos agradecer ao celtismo a súa implicación e calor co equipo, unha actitude encomiable cos seus que, xunto co traballo e dedicación do persoal celeste, comezará a dar os seus froitos moi pronto.

Grazas, afección! Xuntos somos máis fortes. ALA CELTA!

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas