Calendario 2021-2022_1x1
A Canteira

Resultados da canteira do RC Celta (4 e 5 de decembro)

RC Celta

A fin de semana da canteira comezou o pasado sábado en horario matutino coa vitoria por 0-9 do Alevín A na cancha do Colexio Hogar SR para alcanzar os doce puntos. O Xuvenil B, xa pola tarde, continuaba a xornada cun triunfo por 1-3 ante o Porriño Industrial CF en O Lourambal, sumando 31 puntos. Máis tarde, o Xuvenil A regresaba á senda da vitoria tras impoñerse por 7-0 ao Real Avilés CF en A Madroa, levantándose ata os 38 puntos. Á mesma hora enfrontouse o Infantil A ante o Cadete B da UD Santa Mariña nun encontro amigable disputado en Cotogrande, levándose a vitoria os locais por 2-1.
O domingo arrincou con triunfo por 0-2 do Cadete A ante o Rápido de Bouzas no Baltasar Pujales, un triunfo que serviu para que os celestes alcanzasen a trintena de puntos. Unha hora máis tarde, o Benxamín A conseguía a súa quinta vitoria da tempada tras impoñerse ante o Rápido Pereiró CF B en Monte da Mina. O Celta C – Gran Pena, que viña de derrotar o pasado mércores á UVCD Candeán por 4-1 nun encontro amigable, rompeu a súa serie de cinco vitorias consecutivas tras empatar 1-1 ante o CD Ribadumia en Barreiro, a pesar do cal o conxunto celeste mantén a súa vantaxe dun punto no liderado. O Infantil B, que disputara entre semana a sétima xornada de Liga ante a UVCD Candeán (vitoria por 5-1 en A Madroa), derrotou ao Rápido de Bouzas pola mínima (1-2) no Baltasar Pujales e ostenta o primeiro posto con 24 puntos. Por último, o Celta B poñía a guinda coa súa vitoria por 0-1 ante a Cultural e Deportiva Leonesa que lle serve para colocarse en undécima posición con 22 puntos.
Xornada entre semana para a canteira
Entre o día de hoxe e este mércores haberá actividade deportiva para as categorías inferiores. O Cadete B enfrontarase á UD Santa Mariña B este martes en A Madroa (19:00), mentres que o mércores o Cadete A disputará un encontro amigable ante o Madrid Euro Soccer Academy en A Madroa (10:00) e o Infantil A e o Infantil B disputarán senllos encontros ligueiros en A Madroa ante Pabellón Ourense CF (12:00) e Rápido Pereiró CF (10:00).
Pola súa banda, Alevín A e Benxamín A viaxan a Marín para participar no Torneo Tucho da Torre, mentres que Alevín B e Benxamín B disputarán senllos cuadrangulares en Baiona.

RC Celta

Etiquetas

A Canteira

Noticias recomendadas