ESCUDO-1300x400-01
O Club

O canteirán Borja Oubiña, nomeado Lenda de LaLiga Santander

RC Celta

 

O exxogador do RC Celta Borja Oubiña foi nomeado oficialmente Lenda de LaLiga Santander. O vigués pasa así a formar parte do programa ‘Embaixadores e Lendas de LaLiga’, unha iniciativa única lanzada en 2014 que reúne actualmente aos xa máis de trinta xogadores históricos de clubs de LaLiga Santander para representar os valores da competición e promocionala en todo o mundo. Fernando Sanz, director do proxecto, deulle a benvida ao exclusivo equipo nun acto na sede de LaLiga onde se lle fixo entrega da camiseta que distingue aos membros do programa.

“Borja Oubiña é unha incorporación moi especial ás Lendas de LaLiga Santander polos valores que encarna, alineados cos de LaLiga: espírito de superación, paixón e compromiso. A súa traxectoria desde as categorías inferiores do club ata a Secretaría Técnica convérteo nun perfil que aporta moito valor como referente da emoción que une aos afeccionados cos seus equipos”, afirma Fernando Sanz.

Oubiña foi xogador do RC Celta durante doce tempadas, incluída a única tempada que o club competiu na Champions League (2003/2004) e tamén a histórica tempada 2005/2006, onde foi unha das claves para que o club conseguise unha das súas mellores posicións históricas, unha sexta praza que clasificou ao club para xogar a Copa da UEFA (actual Europa League).

Tamén foi esencial no equipo que logrou o último ascenso do club a LaLiga Santander na tempada 2011/2012. Desde entón, o club non volveu a perder a categoría: a 2021/2022 é a súa undécima tempada seguida na categoría de ouro. Retirado en 2015, formou parte da Secretaría Técnica do RC Celta e agora é membro do corpo técnico.

“É unha honra poder formar parte do equipo de lendas de LaLiga e un orgullo, especial, facelo en nome do club da miña vida e da miña terra. Sobre todo, coa nosa política de canteira que eu tiven a sorte de comprobar na miña carreira sendo un mozo que entrou no club con trece anos. Verme á beira de xogadores tan importantes é un motivo de satisfacción”, destaca Borja Oubiña, nova Lenda de LaLiga Santander.

Pola súa banda, o director de Fútbol Denominación de Orixe Celta, Carlos Hugo García Bayón, subliña:  “Que Borja Oubiña sexa Embaixador de LaLiga é toda unha alegría para todos os que conformamos a canteira do RC Celta. Por unha banda é un orgullo porque el entrou con trece anos e foi ascendendo nas categorías ata chegar ao primeiro equipo e ser o capitán, todo un emblema tanto para o club como para a súa canteira. É unha honra telo aí porque segue no día a día moi pendente de nós, de todo o que ocorre nos nosos equipos e da evolución dos futbolistas, todo iso compaxinándoo coas súas labores no primeiro equipo. Desexámoslle o mellor, porque o mellor para el é o mellor para a canteira do RC Celta”.

O mediocentro vigués é produto da canteira do club e un exemplo da súa aposta polas categorías inferiores desde fai moitas tempadas: o RC Celta está entre os tres equipos que máis canteiráns usaron na pasada tempada das cinco grandes ligas europeas xunto a Athletic Club e Real Sociedade, segundo datos do Observatorio CIES.

 

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas