DSC02561
O Club

Concesión histórica que garante o legado celtista en Balaídos

RC Celta

O Celta e o Concello de Vigo formalizaron esta tarde o inicio dos trámites para oficializar a nova concesión do estadio municipal de Balaídos nun acto celebrado en Sky Marcador Club, unha das zonas VIP do coliseo vigués, no que participaron a presidenta do club, Marián Mouriño, e o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, atendendo aos medios de comunicación presentes. O novo convenio supón un fito histórico para a entidade celeste e marca un antes e un despois na súa proxección institucional, deportiva e social.

“Grazas a este acordo, as novas xeracións poderán seguir gozando do seu Celta en Balaídos, do mesmo xeito que o fixeron as decenas de xeracións celtistas que pasaron polo estadio desde a súa construción. O noso obxectivo é asentar as bases do Celta dos próximos cen anos, e por iso é tan importante esta concesión”, explicou Marián na rolda de prensa.

O acordo, que contempla unha concesión inicial de 50 anos prorrogables ata 75, outorga ao Celta o uso total das instalacións e a posibilidade de desenvolver o seu proxecto estratéxico coa estabilidade necesaria. Esta nova etapa, traballada durante longo tempo, permite ao club dispoñer de Balaídos na súa integridade para a súa explotación e crecemento, consolidando así as bases dun futuro sólido, sostible e ligado á súa comunidade.

“Estou moi contento porque hoxe iniciamos un proceso e un proxecto extraordinario. Queremos contribuír á estabilidade económica e estratéxica do Celta. Se non hai alegacións no próximo mes, automaticamente quedará ratificada oficialmente esta concesión. Todo o que se faga desde o respecto mutuo é o que triunfa”, engadiu o alcalde vigués.

Para o Celta, esta concesión representa moito máis ca un acordo administrativo: constitúe un paso decisivo para asegurar os próximos 100 anos de vida da entidade. A vinculación a longo prazo co estadio que forma parte esencial da identidade celeste garante a continuidade do legado celtista e reforza o compromiso do club coa súa cidade e coa súa afección. Tal e como explicou Marián Mouriño ante os medios, este acordo supón para o club que as novas xeracións poidan seguir gozando do seu Celta en Balaídos, do mesmo xeito que o fixeron as decenas de xeracións celtistas que pasaron polo estadio desde a súa construción.

A concesión vixente ata o momento, asinada no seu día polo anterior presidente do club, Carlos Mouriño, e o propio alcalde Abel Caballero, tiña como data de finalización o ano 2034. Co novo convenio, o Celta gaña estabilidade a moi longo prazo e reforza o seu compromiso de seguir medrando da man do Concello de Vigo, garantindo que o estadio continúe sendo o punto de encontro de toda a familia celtista.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas