16-9
O Club

25 anos do primeiro título europeo do fútbol galego

RC Celta

Tal día como hoxe, hai 25 anos, o Celta escribía unha das páxinas máis gloriosas da súa historia. No 22 de agosto do 2000, o conxunto celeste conquistaba o seu primeiro título oficial: a Copa Intertoto da UEFA, un fito histórico non só para o club, senón tamén para todo o fútbol galego, que lograba así o seu primeiro trofeo europeo.

Aquel Celta dirixido por Víctor Fernández finalizara a tempada 99/00 en sétima posición, o que lle permitiu disputar a Copa Intertoto e soñar cunha praza na Copa da UEFA. Para alcanzala, o equipo vigués tivo que superar a Pelister, Aston Villa e finalmente ao Zenit de San Petersburgo nunha eliminatoria de ida e volta que quedará gravada para sempre na memoria do celtismo.

Na ida, disputada en Balaídos, o Zenit adiantouse no marcador, pero os goles de Karpin e Jesuli, xa no desconto, deron a volta ao resultado e deixaron un 2-1 favorable para a volta en Rusia. A pesar diso, nada sería fácil no Petrovski. Os locais puxéronse 2-0 por diante, un resultado que afastaba ao Celta da estrea das súas vitrinas. Entón apareceu o carácter daquel equipo que deu forma ao lendario EuroCelta e, nuns últimos minutos agónicos, lograron a través de Karpin e McCarthy un empate que valía un título e unha nova clasificación europea.

Aquel once que asinou a xesta estaba formado por Pinto, Velasco, Cáceres, Noguerol, Juanfran, Doriva, Giovanella, Karpin, Mostovoi, Tomás e Benni McCarthy; nomes que hoxe seguen resoando con orgullo na historia celeste.

Hoxe, 25 anos despois, lembramos aquel verán do 2000 con orgullo, porque non só gañouse a Intertoto, cimentouse o espírito dun equipo valente que fixo soñar á cidade olívica e a toda Europa.

A Copa Intertoto

A Copa Intertoto, organizada pola UEFA, permitía aos equipos que non accedían directamente a Europa disputar unha vía alternativa á Copa da UEFA. En España, unicamente cinco clubs poden presumir de conseguilo: Villarreal, Valencia, Málaga e Celta.

Tour Especial aniversario dá Copa Intertoto do 2000

Para celebrar os 25 anos deste fito histórico, o Celta organizou un circuíto especial por Abanca Balaídos. Será hoxe, 22 de agosto, e servirá para revivir aquela emocionante final e o título europeo que marcou un antes e un despois na historia do club. Descobre todos os detalles deste Circuíto Especial Intertoto: AQUÍ.

Ademais, a partir das 12:00 horas, na tenda oficial de Abanca Balaídos levaráse a cabo a gravación dun podcast especial que rememorará o primeiro título europeo dun equipo galego con dous dos canteiráns presentes naquel EuroCelta que tocaron o ceo no Petrovski Stadion. Jonathan Aspas e José Couñago revivirán aquel histórico día nunha charla con José Riveiro á que todo o celtismo está convidado e que tamén se poderá seguir en directo a través da nosa canle de Youtube.

RC Celta

Etiquetas

O Club RIO1923

Noticias recomendadas