IMG_4403
O Club

A Copa Máis Enerxía congrega a máis de 4.000 persoas arredor do fútbol base feminino

RC Celta

Este pasado sábado pechouse nas instalacións deportivas de A Madroa a segunda edición da Copa Máis Enerxía de fútbol base feminino cun balance moi positivo tanto a nivel deportivo como de asistencia, consolidándose como unha das citas destacadas do fútbol base feminino en Galicia. O torneo, co coordinador de As Celtas Humberto Lede á fronte da organización, reuniu a algúns dos equipos máis destacados de Galicia e do norte de Portugal, contando tamén co Olímpico de León, e deixounos tres xornadas de gran nivel competitivo cun excelente ambiente nas bancadas, onde se contabilizaron máis de 4.000 persoas ao longo dos tres días de torneo.

A competición comezou o xoves coa categoría infantil F11, onde As Celtas se proclamaron campioas tras impoñerse ao Racing de Ferrol na final. Olivia, xogadora de As Celtas, foi recoñecida como MVP do torneo nesta categoría.

O venres foi a quenda da categoría cadete F11, que volveu coroar a As Celtas como campioas, nesta ocasión tras vencer ao FC Porto nunha final de gran nivel futbolístico. Luisa Seijas, tamén de As Celtas, foi distinguida como MVP.

O sábado celebrouse a categoría alevín F7, na que o Victoria CF se alzou co título tras superar ao Alondras na final. Isabela, xogadora do conxunto campión, foi elixida MVP do torneo. Ademais, o público puido gozar de exhibicións a cargo do Celta Integra Zelnova e As Celtas Sporting, que achegaron un valor engadido ao evento. Cómpre destacar tamén o éxito das fases prata en todas as categorías, que se disputaron en formato de tandas de penaltis, xerando gran emoción entre participantes e público.

O torneo contou coa presenza de destacadas personalidades nas cerimonias de entrega de trofeos, entre elas Sergio Álvarez, conselleiro do Celta; Xisela Aranda, directora de deportes da Deputación de Pontevedra; Manuel Durán, xerente de Máis Enerxía; David Sobral, responsable de márketing de Máis Enerxía; Cristian Vázquez, delegado do CTA Vigo; Elena Casal, responsable da arbitraxe feminina galega; Alicia Ferreiro, directora de organización e calidade do Celta; así como Vicky Vázquez e Toni Martínez. Tamén se deixaron ver pola Madroa xogadoras de As Celtas como Lara, Muñi, Sara Debén e Estela.

Dende a organización valórase moi positivamente esta segunda edición, destacando tanto o crecemento do torneo como o compromiso de clubs, xogadoras e afeccionados, reafirmando a aposta do Celta polo impulso e a visibilidade do fútbol base feminino.

RC Celta

Etiquetas

Novas club O Club

Noticias recomendadas