deputacion
Fundación Celta

A Fundación Celta e a Deputación de Pontevedra únense para o desenvolvemento de proxectos sociais a través do deporte

RC Celta

A Fundación Celta e a Deputación de Pontevedra asinaron un acordo de colaboración destinado a fortalecer o desenvolvemento deportivo, social e formativo do equipo Celta Integra Zelnova, así como a creación dunha Escola de Fútbol no Centro Príncipe Felipe. O convenio inscríbese nas competencias que a Lei do Deporte de Galicia atribúe ás deputacións provinciais: fomentar e difundir o deporte, colaborar cos municipios para garantir unha oferta deportiva adecuada e impulsar actuacións que favorezan o desenvolvemento deportivo local, comarcal e provincial.
A colaboración reforza o propósito da Fundación Celta de promover formación, crecemento persoal e valores sociais a través do deporte. O acordo estrutúrase en tres ámbitos principais para Celta Integra Zelnova:
Formación e desenvolvemento persoal: Realizaranse cursos de primeiros auxilios, xornadas de concienciación ambiental e sesións orientadas á inclusión laboral e ás habilidades sociais, co obxectivo de mellorar a autonomía e as oportunidades dos participantes.
Competición e actividade deportiva: O Celta Integra Zelnova participará na liga Galega de Fútbol Adaptado (fútbol sala e baloncesto) e na liga Genuine, reforzando a visibilidade do deporte inclusivo e a promoción de valores como o esforzo, o respecto e o compañeirismo.
Acción social e comunitaria: Os integrantes do programa colaborarán como voluntarios no campus de verán do Celta, como recolle balóns en partidos oficiais e en actividades de apoio nunha protectora de animais, fortalecendo o seu vínculo coa comunidade.
O acordo tamén inclúe a posta en marcha dunha Escola de Fútbol no Centro Príncipe Felipe de Pontevedra, que será xestionada pola Fundación Celta.

RC Celta

Etiquetas

Celta Integra Fundación Celta O Club

Noticias recomendadas