A extraordinaria relación entre o RC Celta e o Athletic Club e entre as súas afeccións plásmase esta tempada nun acordo destinado a favorecer o tradicional desprazamento dos seguidores de ambos os equipos a Abanca Balaídos e San Mamés.
Os clubs pecharon un acordo para facilitar 575 entradas para a bancada visitante nos dous estadios a un prezo de 25 euros. LaLiga comunicou ademais que o partido entre RC Celta e Athletic Club fixado inicialmente para o venres catro de outubro disputarase o domingo 6 ás 14.00 horas.
A intención do RC Celta para este partido é realizar unha previa especial con diversas iniciativas na contorna do estadio. Deste xeito posibilitarase que ambas as afeccións poidan gozar xuntas até o comezo do encontro dado o “irmandamento” existente entre os seguidores de ambos clubs.