O establecemento retoma circunstancialmente a súa actividade con motivo do partido ante o Levante
A tenda oficial do Real Club Celta situada no Estadio de Balaídos abrirá as súas portas este venres pola tarde co obxectivo de ofrecer a afeccionados e abonados servizo nas horas previas ao encontro que esa noite, ás 21.00 horas, disputan R.C. Celta e U.D. Levante.
O club realizou un gran esforzo nos últimos días para paliar na medida do posible os desperfectos causados polas inundacións do pasado xoves nos baixos do estadio de Balaídos. Aínda que os danos foron graves e os traballos de reparación continúan, o club pretende ofrecer a abonados e afeccionados a posibilidade de aproveitar o seu desprazamento ao estadio para adquirir os produtos oficiais de adidas, polo que a tenda celeste abrirá esa tarde aínda con algunhas carencias que a entidade celeste confía en que causen as menores molestias posibles.
Trátase dunha medida excepcional adoptada con motivo da disputa do partido de Liga ante o Levante e o establecemento celeste permanecerá pechado nas seguintes xornadas para completar as tarefas de reparación necesarias. Os produtos oficiais do Real Club Celta seguirán dispoñibles en calquera caso na tenda do club situada na planta sexta do Corte Inglés.