A Xunta de Accionistas do RC Celta, celebrada no Salón Rexio da Sede, aprobou cunha abafadora maioría, un 99,81 por cento a favor e só o 0,01 por cento en contra dos votos, as contas anuais que recollen uns ingresos de máis de 100 millóns de euros de ingresos e 21,1 millóns de euros de beneficios. A Xunta contou coa participación do 62,76 por cento do capital do club, con 86 asistentes e 236.620 accións.
O orzamento para a presente tempada, que ascende a 83 millóns de euros cun superávit previsto de 4,4 millóns, foi aprobado co 99,80 por cento dos votos a favor e o 0,01 en contra. Neste orzamento e tras once anos de duro traballo, xa non figura cantidade algunha de débeda concursal.
Como novidade, a directora corporativa do club, María José Herbón, realizou unha completa radiografía do funcionamento do club no punto 2 da orde do día, exame e aprobación, no seu caso, do estado de información non financeira do exercicio.
O consello de administración mantense con sete integrantes e co presidente, Carlos Mouriño, á cabeza, cuxa reelección foi aprobada sen votos en contra.
O director deportivo do club, Felipe Miñambres, analizou a situación deportiva do club, tanto do primeiro equipo como da canteira.
Na quenda de rogos e preguntas, o presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, abordou diferentes cuestións relacionadas co ámbito deportivo. Respecto dun futuro equipo de fútbol feminino, o presidente apuntou que “a nosa idea é facer canteira de fútbol feminino, o que queremos é unha base”.
Sobre a nova cidade deportiva do club, Carlos Mouriño mostrouse ilusionado por un proxecto do que o pasado sábado se puxo a primeira pedra. “Nesta primeira fase imos construír os vestiarios e os campos para que adestre o primeiro equipo. Antes houbo que mover toda a terra e instalar os muros perimetrales”, comentou. Tamén criticou as dificultades postas por algunhas administracións. “Non soamente non nos deron permiso para facer a cidade deportiva en Vigo, senón que se están pondo trabas tremendas para que se faga en Mos”, resolveu.
Na súa exposición, o presidente celeste explicou a oferta presentada ante a Comunidade de Montes de Tameiga e coa que gañarían unha gran cantidade de terreo. Ademais, Carlos Mouriño indicou que tamén se lles ofertou máis dun millón de árbores para reforestar a nova zona comunal. “Estamos convencidos de que estamos a facer as cousas dentro de todo o marco xurídico e da legalidade que pode existir. Prométovos que non imos decaer en nada porque cremos que o futuro do RC Celta pasa pola cidade deportiva con todos os seus servizos. Que ninguén teña a máis mínima dúbida”, apuntou.