O Salón Rexio da Sede acolleu a Xunta Xeral de Accionistas do RC Celta da tempada 2023/2024, na que estiveron representadas un total de 290.533 accións, o 77,6 por cento do capital social.
Foi unha Xunta diferente, impregnada por un sentimento de agradecemento e homenaxe a Carlos Mouriño e o seu consello de administración, quen pon punto e final a unha etapa crave na historia do club, na que o RC Celta viviu un proceso de crecemento e profesionalización sen precedentes.
Os accionistas aprobaron o informe de xestión, a xestión do consello de administración e as contas anuais da pasada campaña, ademais de ratificar o nomeamento dos novos conselleiros e conselleiras propostos por Marián Mouriño, presidenta en funcións do RC Celta.
O orzamento para a presente tempada, de 101 millóns de euros, dos cales 80 destinaranse a persoal deportivo, obtivo o 99,86 por cento de respaldo dos votos.
Durante a celebración da Xunta de Accionistas proxectouse un emotivo vídeo homenaxe a Carlos Mouriño, presente no Salón Rexio, no que Iago Aspas, Sergio Álvarez, Borja Oubiña, Ricardo Barros, Pedro Pousada ou Marián Mouriño, entre outros, dan a súa visión particular sobre os anos do xa expresidente celeste á fronte da entidade.
Emocionado por este tributo, Carlos Mouriño dirixiu unhas sentidas palabras nas que destacou o labor dos seus. “Grazas a todo o meu consello, a maioría deles acompañáronme ao longo destes 17 anos e o que conseguimos, conseguímolo entre todos os empregados. O meu mérito, se tiven algún, foi reunir ese grupo de xente”, expresou emocionado.
Pola súa banda, Marián Mouriño, quen deberá ser nomeada presidenta do RC Celta na primeira reunión do novo consello de administración, tamén se dirixiu aos asistentes. A futura mandataria céltica asegurou que “este é un momento histórico para o club” e que afrontará este novo proxecto con “responsabilidade e ilusión, construíndo como un dos meus eixos a conexión coa comunidade. Estou concienciada”.
A Xunta concluíu cos rogos e preguntas dos asistentes e a aprobación da acta da Xunta. Marián Mouriño contestou con detalle ás dúbidas e cuestións dos accionistas, centradas na situación financeira e deportiva.