
O Celta, a través da Fundación Celta, habilitará un palco sensorial en ABANCA Balaídos destinado a ofrecer un espazo seguro, tranquilo e adaptado ás necesidades das persoas con autismo que acudan ao estadio para gozar dos partidos do seu equipo. A iniciativa nace co obxectivo de favorecer unha experiencia inclusiva e accesible no fútbol e contará co acompañamento e asesoramento especializado da Federación Autismo Galicia, que colaborará coa Fundación Celta para garantir que o espazo responda adecuadamente ás necesidades dos seus usuarios.
A presentación do novo palco sensorial tivo lugar este xoves 8 de outubro, ás 12.00 horas, en ABANCA Balaídos, nun acto no que participaron a Fundación Celta, a Real Federación Galega de Fútbol, a Real Federación Española de Fútbol e a Federación Autismo Galicia, entidades que colaboraron na viabilidade do proxecto. O espazo estrearase oficialmente o domingo 18 de outubro, ás 16.15 horas, coincidindo co encontro entre o Celta e o Deportivo Alavés da xornada 9 de LALIGA EA Sports, un partido dedicado á Fundación Celta no que o club vigués porá en valor a súa actividade e proxectos a través de diferentes soportes e accións no estadio.
“Este palco sensorial que inauguramos representa un paso máis no noso compromiso por facer do fútbol e de ABANCA Balaídos un espazo verdadeiramente inclusivo, onde todas as persoan que o usen poidan gozar do seu equipo nun contorno seguro e adaptado ás súas necesidades. Grazas ao traballo conxunto coa Federación Autismo Galicia e co resto de entidades implicadas, seguimos avanzando para que o fútbol siga transformando vidas”, explicou o director da Fundación Celta, Germán Arteta.

A directora da Federación Autismo Galicia, Patricia Blanco, tamén valorou positivamente a iniciativa: “Desde a Federación Autismo Galicia queremos agradecer á Fundación Celta que non só nos abrira as portas de Balaídos, senón que tamén entendera que unha inclusión real implica que todas as persoas poidan comprender, participar e compartir a emoción do fútbol en igualdade de condicións. Así mesmo, queremos agradecer a súa colaboración na incorporación de medidas que favorecen a anticipación, a orientación, a regulación e unha atención máis enfocada ás necesidades das persoas”.
E para concluír as valoracións do que supón este palco sensorial, o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Fernando Iglesias, afirmou: “Para a Real Federación Galega de Fútbol é moi importante impulsar este tipo de iniciativas que utilizan o fútbol como unha ferramenta de inclusión social. É o noso obxectivo e compromiso achegar o fútbol a todas as persoas, independentemente das súas circunstancias ou necesidades. Seguiremos apostando por iniciativas que fagan deste deporte un espazo cada vez máis inclusivo e accesible. Agradecer á Fundación Celta pola súa excelente acollida a esta iniciativa e á RFEF polo seu acompañamento no desenvolvemento desta acción”.