O RC Celta celebrou este mércores en Abanca Balaídos un emotivo acto de entrega das insignias de Ouro aos socios que esta temporada cumpriron 50 anos antigüidade. Unha cita moi especial na que se rendeu homenaxe á fidelidade, lealdade e ao sentimento celeste que acompañaron a estes 8 afeccionados durante medio século.
O evento estivo presidido por Marián Mouriño, presidenta do RC Celta, e contou coa presenza dos capitáns do primeiro equipo, Iago Aspas, Iván Villar, Fran Beltrán y Carl Starfelt; así como das capitás de As Celtas, Lara Martínez e Sara “Muñi“, quenes acompañaron aos homenaxeados neste día tan significativo para eles. Tamén asistiron algúns membros do consello de administración do club como Antón Álvarez e José Manuel Amoedo; ademais de figuras históricas do celtismo como Vlado Gudelj, Manolo “O Gran Capitán” e Atilano Vecino.
Unha cerimonia moi emotiva, celebrada sobre o céspede de Abanca Balaídos, que é toda unha tradición para o RC Celta e que arrincou cunhas sentidas palabras da súa presidenta, Marián Mouriño. “Sodes un claro exemplo das raíces deste club. Unhas raíces fortes e leais, grazas ás cales puidemos crecer e ser o que somos hoxe“, agradecendo así os 50 anos ininterrompidos de celtismo. “Xuntos estamos a construír ese RC Celta que sempre soñamos, cada vez máis grande, cada vez máis forte“, asegurou a presidenta.
Tras a entrega das Insignias de Ouro, todos os asistentes puideron gozar dunha cea cóctel nun ambiente de celebración e nostalxia ao lembrar as centos de batallas que vivimos xuntos ao longo de todos estes anos.
O RC Celta reafirma así o seu compromiso coa afección celeste e recoñece con orgullo a todas aquelas persoas que día a día camiñan ao seu carón.