O multiinstrumentalista galego, Abraham Cuperio, actuará este sábado na previa do RC Celta – FC Barcelona en Abanca Balaídos. Será unha actuación única, creada para a ocasión, na que o músico lucense saltará ao terreo de xogo para tocar o carnix evocando o espírito guerreiro dos nosos antepasados celtas.
Unha ambientación musical que converterá o terreo de xogo nun auténtico campo de batalla ao que saltarán os nosos 11 guerreiros celestes para enfrontarse ao Barcelona de Hansi Flick.
Natural de Sarria (Lugo), Abraham confesa que a súa paixón polo Celta é froito do amor cara ao seu irmán, gran seguidor do club. Un sentimento de herdanza que sorprenderá aos afeccionados de Abanca Balaídos cunha actuación baseada nas nosas raíces máis ancestrais. Con gran presenza e portando unicamente un carnix, instrumento de vento da Idade de Ferro Celta (300 a. C. – 500 d.C.), a súa melodía resoará en todo o estadio do mesmo xeito que os celtas tocábano no campo de batalla para intimidar ao inimigo.
Recomendamos a todos os afeccionados acceder ás súas butacas con antelación para non perderse este espectáculo que dará comezo ás 20:45h, 15 minutos antes do inicio do partido.
Abraham Cupeiro é un artista único, capaz de sorprender a todo o público co seu característico estilo musical recuperando sons do pasado. Á súa vez, constrúe os seus propios instrumentos o que imprime aínda máis peculiaridade ás súas actuacións. Ademais de colaborar con grandes orquestras internacionais, Cupeiro desenvolveu diferentes proxectos individuais e está inmerso na súa xira “Resonando en el Pasado”. Por outra banda, participou en bandas sonoras de diferentes películas de Hollywood, a máis recente Gladiator II, de Ridley Scott, onde incorpora os sons do carnix, do Cornu ou do aulós grego.
Sen dúbida, alma Celta e celeste que será a antesala perfecta para recibir ao FC Barcelona con auténtico espírito guerreiro.