O RC Celta, a súa afección e a cidade vivirán durante o próximo mes de marzo un acontecemento histórico, a inauguración da nova sede social do club, situada na rúa do Príncipe, no corazón da Vigo, nun emblemático inmoble que se converterá na casa do celtismo. Este evento terá lugar o día 17 do próximo mes de marzo, unha data que sen dúbida pasará á historia do club, xa que a nova sede social é un dos grandes alicerces do proxecto de futuro da entidade e á vez un poderoso impulso ao presente.
A sede, elemento dinamizador para a cidade e aglutinador para o celtismo, terá unha identidade propia, que queda reflectida na campaña ‘abrindo portas’, lanzada hoxe polo RC Celta para transmitirlle ao celtismo e á cidadanía a esencia dunha sede que será un punto de encontro para todos, non só pola súa privilexiada localización, senón pola actividade cultural, comercial e de lecer que propón.
Será a vangarda dunha nova proposta de negocio global e aberta, que creará novos camiños no mundo do deporte e forxará unha relación coa cidadanía ata agora non explorada. Nos seus máis de 3.000 metros cadrados, afeccionados e cidadáns gozarán da tenda do club, un moderno gastrobar, rexentado pola Pebida, o salón rexio orixinal, unha clínica do deporte e o restaurante Silabario, con marabillosas vistas á ría. Haberá demais unha residencia para os xogadores das categorías inferiores e as oficinas da entidade.
A sede social celeste terá a súa propia identidade, coa marca A Sede, e unha web específica, www.asede.rccelta.es, onde se ofrecerá unha completa información sobre a actividade cultural, comercial e de lecer. Ademais A Sede disporá dunhas redes sociais propias co fin de facerlles chegar a cidadáns e afeccionados toda esta información de maneira inmediata e dinámica.
O club continuará ademais durante os próximos días ampliando os detalles tanto do funcionamento das distintas propostas comerciais da sede como do acto de inauguración.