
Xa está dispoñible a pre-reserva de entradas para o encontro que enfrontará o Burgos CF e o Celta Fortuna o vindeiro sábado, 7 de novembro, no Estadio de El Plantío. A venda de entradas será exclusiva para persoas con carné celtista en calquera modalidade e terán un prezo de 25 €.
A continuación, explicamos polo miúdo como realizar o proceso e cales son os pasos que hai que seguir desde o Portal do Celtista:
Pre-reserva e adxudicación
Para optar a unha entrada é necesario realizar unha inscrición no Portal do Celtista e aboar un importe de pre-reserva (5 euros) para que as solicitudes sexan en firme. Este importe devolverase no caso de non resultar seleccionado/a.
Este pagamento non garante automaticamente a entrada, senón que permite participar no proceso de adxudicación, que se rexe polos seguintes criterios:
- 75 % das entradas asígnanse segundo a antigüidade: no caso dos grupos, tense en conta a media de antigüidade e, nas solicitudes individuais, a antigüidade de cada persoa.
- 25 % das entradas adxudícanse mediante un sorteo entre as persoas solicitantes restantes.
Unha vez rematado o proceso de adxudicación, todas as persoas inscritas reciben un correo electrónico co resultadoda súa solicitude.
Pagamento final para as persoas seleccionadas
As persoas celtistas que resulten seleccionadas recibirán un correo electrónico de confirmación coas instrucións para completar a compra, aboando a diferenza respecto do importe da pre-reserva realizada.
Para formalizar a compra, deberán seguir estes pasos:
- Acceder ao Portal do Celtista e dirixirse ao apartado «Entradas Visitante».
- Completar o pagamento nun prazo máximo de 24 horas desde a recepción do correo electrónico.
- Recibir a confirmación da compra e a información sobre a entrega da entrada.
⚠ Importante: Se o pagamento non se realiza dentro do prazo indicado, perderase o dereito a mercar a entrada e o importe da pre-reserva non será reembolsado.
Devolución para as persoas non seleccionadas
As persoas afeccionadas que non resulten seleccionadas recibirán un correo electrónico coa notificación e, de forma automática, o club procederá ao reembolso íntegro do importe da pre-reserva a través do mesmo método de pagamento utilizado durante a inscrición.
Confirmación e entrega das entradas
As persoas que completen o proceso de compra recibirán un correo electrónico de confirmación. É importante lembrar que o xustificante de pagamento non é válido como entrada.
Neste caso, as entradas serán dixitais. Se se produce algún cambio, o club poñerase en contacto a través do correo electrónico.
Unha vez realizada a compra, non se permiten cambios nin devolucións.
A preinscrición para as entradas está dispoñible no Portal do Celtista desde hoxe mesmo ata o xoves 29 de outubro ás 12:00 h. Lembramos que as entradas son nominativas e será necesario presentar o DNI xunto coa entrada no acceso ao estadio.
Acompaña o filial celeste neste novo partido de LaLiga Hypermotion!