O RC Celta e a deseñadora Inuñez uníronse para crear unha peza única, o vestido do Centenario. Alta costura e fútbol da man para romper os límites do establecido e conmemorar os cen anos de historia do club.
Trátase dun vestido, confeccionado integramente en cor celeste, que é unha homenaxe aos valores fundamentais do Celta: a orixe, a tradición, o orgullo e o corazón. Unha peza de coleccionista que estará exposta na tenda oficial do RC Celta da Sede para todos aqueles que queiran achegarse a contemplala ata o 19 de xuño, cando pasará a formar parte do Museo RC Celta de Abanca Balaídos.
Esta auténtica xoia leva o selo da deseñadora Isabel Núñez, quen, con familia en Vigo e un forte arraigamento ás tradicións galegas, soubo plasmar a nosa historia e orixe a través da moda. O tecido escollido para a súa elaboración foi a seda rústica, xa que simboliza a nobreza e a autenticidade que nos caracterizan. Inspirándose no vestido tradicional galego, Isabel Núñez deseñou unha saia a capas cun plisado ao través no exterior e capas interiores terminadas nunha malla-rede de fío de algodón bordada a man en tons azuis. Este detalle conéctanos co mar e rende tributo ao arduo traballo de tantas mulleres galegas que viven por e para el. Ademais, o escote do vestido recrea o pescozo da primeira camiseta oficial do Celta, unha chiscadela ás nosas orixes. O toque máis especial desta creación atópase nun espectacular bordado a man de cristal en tons vermellos, para o cal se dedicaron cen horas de traballo, unha por cada ano de historia do club. Este detalle simboliza a paixón que move a todos o celtistas e representa a bandeira que cada afeccionado do Celta alza con orgullo, xa sexa en calquera recuncho de Galicia ou en calquera parte do mundo.
A piques de pechar o noso ano do Centenario, este deseño chega para homenaxear a todas as mulleres celtistas que nos acompañaron ao longo da nosa historia. En cada detalle, en cada puntada reflíctese o espírito da nosa fortaleza, o corazón e a afouteza que caracteriza a unha parte que é fundamental para o RC Celta, o celtismo. Unha obra de arte, exposta na tenda da Sede, que non só celebra a nosa identidade e orgullo galego, senón que mantén un legado que xeración tras xeración seguirá permanecendo intacto.