A gran acollida que tivo desde a súa inauguración no Museo do Mar a exposición ‘100 anos de RC Celta. Gol e Arte’, enmarcada nas actividades do Centenario do club, motivou a ampliación da mostra ata o día 19 de marzo co obxectivo de que cidadáns e afeccionados celestes poidan gozar desta exclusiva selección das obras de grandes pintores galegos que o club e a súa Fundación foron coleccionando durante anos.
O Museo do Mar trasladou á Fundación Celta o gran éxito desta exposición e solicitou a ampliación da mostra para que ninguén quede sen a opción de gozar do seu exclusivo contido, unha trintena de obras de grandes pintores galegos como Laxeiro, Pedro Solveira, Antón Pulido, Xaime Quesada, Leopoldo Varela, Lodeiro ou Antonio Quesada, entre outros.
A exposición permanecerá no Museo do Mar ata o 19 de marzo aberta ao público de martes a venres en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e os sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.