A primeira das escolas do RC Celta e a súa Fundación no estranxeiro, situada en Campeche, en México, recibiu esta semana ao director xeral do club, Antonio Chaves, e á directora financeira, María José Herbón, quen protagonizaron unha visita institucional para mostrar o apoio da entidade a unha escola en continuo crecemento que xa dispón de 200 xogadores.
A escola celeste en Campeche, a máis grande do estado, cunhas instalacións excepcionais e un bo número de equipos competindo, converteuse en modelo e referente na expansión do club no estranxeiro, un proxecto que se vai consolidando coa apertura de novas escolas socio deportivas en Cidade da Carmen e Guadalaxara, tamén no país centroamericano, e Porto Desexado, en Arxentina.
A relación do club e a Fundación coa escola de Campeche é estreita e frutífera, cun fluxo constante de intercambio de información e numerosas visitas entre responsables e mesmo xogadores destas entidades. O pasado ano, cinco novos valores da escola tiveron a oportunidade de adestrarse durante varias semanas na Madroa, onde atoparon un inmellorable anfitrión, Javi Que, xogador campechano que militou no Xuvenil de División de Honra e o Celta B.
Ás visitas recibidas pola escola de responsables celestes, entre elas, ademais do presidente, Carlos Mouriño, as de Miguel Torrecilla ou Borja Oubiña, sumáronse estes días Antonio Chaves e María José Herbón, quen tiveron oportunidade de coñecer as instalacións e dialogar con adestradores, monitores e xogadores para coñecer mellor as súas inquietudes e expor as liñas de traballo do club celeste.