O celtismo prepárase para vivir un domingo inesquecible. O último partido da tempada en Balaídos e os festexos polo regreso do equipo a competicións europeas espertaron unha extraordinaria expectación entre os afeccionados celestes. Así o reflicte o ritmo de venda de entradas para o choque ante o Málaga: Marcador e Río Baixo completaron a súa capcidade e os últimos centos de billetes dispoñibles concéntranse nas bancadas de Tribuna, Río Alto e Gol.
As billeteiras do estadio non abrirán finalmente este sábado, pero si manteñen o horario ininterrompido de 10:00 a 17:00 o domingo, día do partido. Ademais, a web www.celtavigo.org/taquillaCelta ofrece a posibilidade de adquirir entradas en calquera momento.
O RC Celta convida a todos os abonados e afeccionados a asistir a un encontro no que, ademais de estar en xogo tres puntos imprescindibles para aspirar ao quinto posto da clasificación, poderán gozar xunto ao equipo dunha celebración histórica que comezará no propio estadio e finalizará en Praza de América con música e a presenza de todo o plantel.