Sin título-1
As Celtas

As Celtas celebran o seu histórico ascenso cunha gran festa rodeadas polo celtismo

RC Celta

As Celtas viviron unha xornada inesquecible para celebrar o seu merecido e histórico ascenso directo a Segunda Federación, logrado tan só un ano despois do seu nacemento. Un éxito rotundo que consolida este ambicioso proxecto celeste e que, por suposto, foi homenaxeado como se merece en pleno corazón da cidade de Vigo.

A celebración comezou no Concello onde o alcalde, Abel Caballero, recibiu a todo o equipo e corpo técnico para felicitalas persoalmente e mostrarlles todo o seu orgullo por alcanzar este logro que é toda unha alegría para a cidade. Un acto no que tamén estiveron presentes Marián Mouriño, presidenta do RC Celta; varios conselleiros do club e Carlos Cao, director de infraestruturas e relacións institucionais da entidade celeste.

Posteriormente, a festa trasladouse a Pórta do Sol onde decenas de celtistas esperaban para arroupar ás grandes protagonistas do día. Un día espléndido nunha tarde de maio, solleira e alegre, que estivo marcada por un ambiente festivo e moi celeste. A música do DJ deu paso a unha calorosa e sonora ovación á chegada de As Celtas. A adestradora do conxunto celeste, Vicky Vázquez, foi a primeira en tomar a palabra para agradecer tanto agarimo. Acto seguido, foi a quenda das capitás Muñi, María Calvar, María Figueroa e Lara Martínez que se dirixiron á afección para mostrar o seu agradecemento e destacar o importante que foron para elas xornada tras xornada.

Durante o acto, o RC Celta quixo agradecer o apoio ao proxecto de todos os patrocinadores e institucións facendo entrega dun pequeno obsequio aos representantes de Estrella Galicia, Abanca, Concello de Vigo, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Hummel e Máis Enerxía.

Ao son de “Oliveira dos Cen Anos” poñíase broche de ouro para unha tempada máxica para As Celtas que xa miran ao futuro coa ilusión de seguir crecendo e dando moitas máis alegrías a todo o celtismo.

RC Celta

Etiquetas

As Celtas

Noticias recomendadas