20240907_AsCeltasVSVitoriaCF_518
O Club

As Celtas estréanse ao grande!

RC Celta

Este sábado, o RC Celta viviu unha xornada para a historia. As Celtas iniciaban o seu camiño en competición oficial e non podían facelo de mellor maneira que rodeadas por unha afección completamente envorcada que as animou ata alcanzar a primeira vitoria da tempada e da súa historia.

Ás 15:30, Abanca Balaídos abría as súas portas para que puidesen acceder as decenas de persoas que xa esperan nos arredores poder vivir o que seguro sería un día para o recordo. Un día que supón un antes e un despois para a entidade celeste, e no que, como sempre, o celtismo estivo presente. Bufandas, camisetas e, sobre todo, moitas pancartas ían tomando asento nas bancadas para apoiar a As Celtas, que saltaban ao terreo de xogo entre berros de ánimo e a emoción de toda a xente que soñaba coa chegada deste momento. En total, máis de 6500 persoas viviron no estadio o primeiro encontro entre As Celtas – Victoria CF, pero non foron os únicos. O partido, que se retransmitiu en directo a través da canle de Youtube do RC Celta, foi seguido por máis de 2300 usuarios simultáneos e suma un total de 17000 visualizacións.

O dúo vigués, Fillas de Cassandra, tampouco quixo perderse esta xornada tan especial e coa súa música chea de arraigo polas nosas raíces conseguiron poñerlle aínda máis emoción a unha xornada que gardaba algunha sorpresa máis.

A estrea de As Celtas foi unha estrea soñada nun escenario incrible e cun ambiente inigualable pero faltaba a guinda do pastel. Na segunda parte do encontro, Camila Pescatore, que durante todo o mesmo mostrou un moi bo nivel de xogo e despregamento físico, foi a encargada de subir o primeiro tanto da historia de As Celtas ao marcador. Un momento no que todo o estadio víñase abaixo e vibraba ante o partidazo que nos estaban a regalar o conxunto ao completo de Vicky Vázquez. Pouco antes do asubío final, Ana Toubes encaraba a portería contraria para marcar o segundo gol e pechar o primeiro partido da historia de As Celtas cunha espectacular vitoria ante o conxunto coruñés.

O RC Celta escribía así, un 7 de setembro de 2024, unha nova páxina na súa historia acompañado como sempre por todo o celtismo. E así, xuntos, comezamos unha nova era chea de oportunidades para todos e todas, con As Celtas como principais protagonistas, que seguro nos regalarán unha tempada chea de emocións e na que continuaremos apoiándoas para, xuntos, alcanzar moitos éxitos e seguir facendo historia.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas