ESCUDO-1300x400-02
Celtismo

O neno de Marín que chegou a A Madroa para converterse en lenda: Ata sempre Hugo!

RC Celta

A camiseta do RC Celta que se enfundou na Madroa con 12 anos deixará de ser visible. No seu próximo partido poñerase outra, que honrará como sempre fixo, pero tras o asubío final, aí rexurdirá a celeste. A que leva día e noite desde neno. A que non se distingue da súa pel.

As súas cifras son impresionantes, parte destacada da historia do club, pero nin a suma de todas elas: partidos, tempadas, goles, asistencias… definen con xustiza a súa figura. 449 partidos si, e en cada un deles deixou unha parte da súa alma, en cada un deles defendeu o escudo co maior empeño, con afán e decisión. E en moitos deses encontros xogou con dor, con lesións que limitaron o seu rendemento e mesmo deterioraron a súa imaxe, pero non restaron nada a súa entrega e coraxe.

14 tempadas si, e en cada unha deixou valiosos ensinos. Acolleu sempre cos brazos abertos aos canteiráns, mostroulles con mimo o camiño a todos os que soñan con ser como el, coidounos como só outro canteirán pode facelo.

En cada unha desas campañas gañouse o brazalete de capitán. Levouno con compromiso e dignidade, con inmenso orgullo. Fixo del unha parte importante da súa vida e así, con ese amor ao club referendado en cada minuto de xogo, en cada segundo dentro do vestiario, el mesmo pasou a ser unha parte importante da vida deste club e da súa afección.

O RC Celta perde unha referencia, un guía, pero non un celtista. E gaña unha lenda.

Grazas por todo, Hugo Mallo.

RC Celta

Etiquetas

Celtismo O Club

Noticias recomendadas