No seu empeño por mellorar a súa relación cos abonados e aumentar o seu grao de satisfacción, obxectivo estratéxico do club, o RC Celta dálle un novo impulso á súa área social coa incorporación de David González, quen conta cunha longa experiencia na relación cos abonados e na posta en marcha de eventos e actividades en estadios de fútbol.
O novo responsable da área social do RC Celta vén avalado por un extraordinario traballo no Atlético de Madrid, onde desde o ano 2005 e ata a actualidade foi responsable de socios, ticketing e peñas do club e pilotou o traslado de abonados desde o Vicente Calderón ao Metropolitano,
A súa incorporación prodúcese nun momento de especial relevancia, xa que ao longo da próxima semana o club poñerá en marcha a campaña de abonados desta ilusionante e irrepetible tempada do Centenario.
Esta tempada 2023/24 xerou unha enorme ilusión no celtismo, como queda patente co impresionante número de pre reservas rexistrado para novas altas. En menos dunha semana 1900 afeccionados anotáronse na lista de espera habilitada polo club na súa páxina web oficial: https://rccelta.es/gl/abonados/ , na que ademais se poderán atopar e seguir todas as novidades da próxima campaña de abonados.