O Celta B recibe este domingo en Barreiro ao Zamora, ás 12.00 horas, na quinta xornada do presente campionato. Seguindo os protocolos sanitarios correspondentes adecuados á capacidade de Barreiro, o RC Celta dará acceso a un total de 150 abonados cumprindo as directrices marcadas polas autoridades sanitarias, que hoxe mesmo comunicaron ao club que poderá acceder o mencionado número de seguidores.
Poderán obter entradas, de maneira gratuíta, todos aqueles abonados que renovasen xa o seu carné ou se deron de alta para á tempada 20/21 e entre eles terán prioridade aqueles que na pasada campaña optaron polo moedeiro dixital, realizaron unha doazón á Fundación ou renunciaron á devolución. Ata a data xa renovaron máis de 1.200 abonados desde que o pasado venres o club lanzase a campaña baixo o lema ‘Sempre Celta’.
Para acceder ás entradas tan só será necesario cubrir un simple formulario cos datos persoais de cada abonado máis a ID do seu carné, que está dispoñible nos carnés de tempadas anteriores. Os abonados que se deron de alta este ano non terán que cubrir ese campo.
Todos os interesados poderán solicitar a súa entrada, ata esgotar existencias, desde este venres ás 10 da mañá nesta ligazón ata o sábado ata as 12.00 horas. Entregaranse por orde de petición atendendo ás prioridades mencionadas con anterioridade.
O club poñerase en contacto con aqueles abonados que obteñan unha localidade para indicarlles o procedemento de acceso ao campo de Barreiro este domingo.
Aqueles abonados que soliciten entrada coas existencias xa esgotadas e se volvan a anotar para o seguinte terán preferencia para acceder ao campo sobre os que xa acudiran ao partido anterior, pero manterase o mesmo criterio de prioridades no reparto.