20250911_EntregaPlaca_BREEAM_Afouteza-11
Celta360

O Celta, primeiro club do mundo en obter a certificación BREEAM Urbanismo polo seu compromiso coa sostibilidade a través de Celta360

RC Celta

O club e o seu proxecto Celta360 acadaron un novo fito no camiño cara a un modelo deportivo máis sostible e comprometido co contorno. A Cidade Deportiva Afouteza e o proxecto de interese autonómico Celta360 foron recoñecidos coa prestixiosa certificación BREEAM mediante o BREEAM Urbanismo, o que converte ao Celta no primeiro club do mundo en conseguir esta distinción.

A certificación BREEAM (Building Research Establishment Environmental Assessment Method), de orixe británica e recoñecida internacionalmente, é un dos sistemas máis avanzados e esixentes de avaliación da sostibilidade na construción; polo que contar con ela sitúa ao Celta como un referente non só no ámbito deportivo, senón tamén no compromiso medioambiental, económico e social. Formar parte do exclusivo grupo de edificios e instalacións que contan con esta certificación, como a T2 do aeroporto de Heathrow ou sedes olímpicas e mundialistas, subliña a ambición e o nivel do proxecto Celta360.

Marián Mouriño, presente na entrega deste recoñecemento, afirmou que a certificación “é outra sinal de identidade, outra mostra de que as cousas se están facendo ben. Celta360 vai seguir medrando e farao cumprindo todas as normas de sostibilidade, de respecto ao medio ambiente e de respecto aos veciños de Mos”.

Carlos Cao, director de infraestruturas e relacións institucionais do club, tamén quixo destacar que esta certificación “recoñece o esforzo realizado polo equipo dende o inicio do proxecto a través dun obxectivo claro, que era, e segue sendo, respectar o contorno e as nosas raíces”. Cao explica que “BREEAM avalía aspectos como o uso do solo, a eficiencia enerxética, o benestar social e a mobilidade”, pero salienta que para a obtención desta certificación tamén “foron especialmente relevantes a integración do proxecto no territorio e o seu impacto positivo na comunidade”. Ademais, destaca que “a sostibilidade é unha prioridade na estratexia do club” e que, de cara ao futuro, “o Celta busca aplicar este mesmo enfoque noutras infraestruturas como A Madroa, Abanca Balaídos ou A Sede”.

Pola súa banda, o director xeral do ITG, Carlos Calvo, falou sobre como este “é un recoñecemento ao esforzo do club por adoptar nas súas instalacións os estándares de sostibilidade máis importantes do mundo. É unha mostra clara de que o Celta aposta por unha integración sostible no contorno; o que leva ao club a acadar un nivel de diferenciación moi importante”.

Por último, María Paz, responsable de BREEAM Urbanismo en España, e encargada de analizar que o club cumpra cos requisitos necesarios, confirma que esta certificación conta cun “enfoque holístico, que vai dende a xestión da auga, a xestión a nivel enerxético, a participación…” e que o Celta “vai máis aló do que se esixe por normativa, polo que o esforzo que fai o club é de admirar”.

Con este logro, o Celta, coa colaboración de CBRE, consolida o seu papel como pioneiro no sector e continúa no seu proceso de construír unhas instalacións que serán un exemplo deportivo, de innovación, de eficiencia e de compromiso co medio ambiente.

RC Celta

Etiquetas

Celta360

Noticias recomendadas