Hemeroteca celtismo

Campaña de abonados: espectacular resposta do celtismo no arranque desta semana

RC Celta

mosaico-balaidos-1314.jpg

Tras un luns e martes de intensa actividade as renovacións elévanse a 6.000 e as altas a case 800

 

A ilusión do celtismo crece a medida que se achega a nova tempada e perfílase o proxecto deportivo 2014/2015. Os datos que rexistra a campaña de abonados neste inicio de semana son espectaculares, con case 200 novas altas e unhas 1.000 renovacións tramitadas tan só entre o luns e o martes. Unha vez máis, a afección celeste está a responder de maneira sobresaliente. O seu apoio volverá ser clave esta tempada.

 

O ritmo de xestións na oficina de abonados de Balaídos continúa aumentando a medida que se achega o 11 de xullo, data límite para beneficiarse das condicións promocionais da campaña de abonados. Tras un luns e martes de intensa actividade, tanto nas dependencias de Balaídos como na web, a cifra de renovacións totais elévase a 6.000 e a de novas altas a case 800.

 

O club anima a afeccionados e abonados a acudir a tramitar o seu carné canto antes co fin de evitar as habituais colas nos últimos días de promoción. Os despachos de billetes e a oficina de abonados permanecerán abertos de luns a venres (de 9 a 14 e de 17 a 20 horas) ata o 11 de xullo. Así mesmo, as renovacións e altas ordinarias poden realizarse con rapidez e comodidade as 24 horas do día a través da plataforma dixital: www.celtavigo.org/abonosCelta

 

A campaña 2014/2015 inclúe entre as súas principais novidades a creación do carné ‘Sub-25’ en lugar do ‘Sub-24’, vixente a pasada tempada, e un desconto do 5% para as renovacións tramitadas antes do 11 de xullo, rebaixa acumulable ás vantaxes ‘Familiares’ ou ‘Accionistas’ ata un máximo aplicable do 15%. Tanto renovacións como altas xestionadas antes da data mencionada non pagarán suplemento nos encontros designados como ‘Día do Club’, polo menos tres.

Outro dos puntos destacados da campaña é a inclusión da categoría ‘Sub-25’ na bancada de Tribuna, onde até agora só existían prezos para ‘Adulto’, ‘Sub-15’ e ‘+65’.

Os abonados do RC Celta continuarán gozando de numerosas vantaxes co seu carné, como o acceso gratuíto ao campo de Barreiro para seguir o partidos do filial, o desconto na tenda oficial do club e en patrocinadores oficiais ou a participación en atractivos sorteos ao longo de toda a tempada.

Os abonados celestes dispoñen tamén de diferentes opcións para abonar o custo do carné da maneira que mellor se adapte ás súas necesidades co Cartón Comercio e Visa Novagalicia Banco (ata 3 meses sen intereses) ou con Credicelta (ata 12 meses cunha pequena recarga).

A campaña inclúe os habituais descontos a accionistas e familias. A cota de alta é similar á da tempada pasada: 85 euros para a categoría adulto e 45 euros para o resto.

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca celtismo

Noticias recomendadas