O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitaron esta mañá as obras da nova cidade deportiva do club celeste, un proxecto vital para o futuro da entidade e o desenvolvemento dun dos seus alicerces básicos, a canteira.
A parroquia de Pereiras acolle esta primeira fase das obras de construción da cidade deportiva que, en base á licenza obtida, consiste na execución dos campos destinados ao fútbol profesional e as instalacións necesarias para a súa óptimo funcionamento.
Na actualidade, están a realizarse traballos de movemento de terras, terraplenado e da preparación necesaria para levantar os muros perimetrales que sosterán as plataformas onde irán situados os campos de xogo. De maneira inmediata, comezarán as obras de mellora das captacións de auga existentes no terreo.
Á visita ás obras acudiron tamén representantes do Concello de Mos e das comunidades de augas e montes da localidade.
O proxecto para a cidade deportiva do RC Celta, obra de Irisarri e Piñera, colma as expectativas do RC Celta para desenvolver unha cidade deportiva respectuosa ao máximo co medioambiente e con sobrada capacidade para satisfacer de maneira brillante as necesidades tanto da canteira como do primeiro equipo.
A innovadora cidade deportiva do RC Celta en Mos contará, entre outras dotacións, con oito terreos de xogo (catro naturais e catro artificiais), zona de tecnificación, zona de praia para rehabilitación e outras actividades, estadio con capacidade mínima para 4.000 espectadores, pistas de pádel e tenis, piscina, residencia, cafetaría-restaurante, tenda do club, universidade do deporte, pavillón deportivo multiusos e ximnasios.