O presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, reuniuse cos medios de comunicación para realizar o seu habitual repaso á actualidade celeste. O mandatario céltico analizou a situación do primeiro equipo, o Celta B, a campaña de abonados ou o recente acordo de LaLiga con CVC entre outros, nun acto no que os xornalistas tiveron a oportunidade de trasladar as súas cuestións ao presidente.
“Estamos a cumprir co previsto e faltan dúas posicións por ocupar”. Carlos Mouriño mostrouse satisfeito sobre a construción do equipo para a tempada 2021/22 e adiantou que, en coordinación con Eduardo Coudet, realizaranse outras dúas incorporacións para un total de cinco reforzos: “En principio serán un dianteiro centro e un defensa central”, asegurou.
Preguntado pola campaña de abonados, o dirixente celeste comunicou que “o 90% renovou e trataremos de recuperar un número de importante de baixas”, aínda que por outra banda, informou de que debido aos límites de aforamento e as obras de remodelación, “é posible que teñamos que facer unha lista de espera para as altas”.
Un dos temas máis destacados foi o referendo de Carlos Mouriño á posición do club respecto de Intermedia Sport Player, axencia coa que o RC Celta tomou a decisión de cortar relacións polo que o presidente considera unha “poxa” de xogadores da canteira.
O recente acordo de LaLiga co fondo investidor CVC tamén ocupou boa parte da reunión informativa. Sobre esta cuestión, o presidente aclarou que “non supón ningún custo para ningún equipo de LaLiga” e valorou a operación como moi positiva: “Acurtamos as distancias. Imos facer unha clase media moi forte e vaise a beneficiar o fútbol en xeral”, declarou, ademais de apuntar que “está a haber moita desinformación” sobre este acordo.
O capítulo de mercado de fichaxes protagonizárono dous nomes propios: Emre Mor e Okay. Sobre o primeiro, Carlos Mouriño adiantou que podería ter unha posible saída pero que, de momento, o club non tiña ningunha oferta concreta. Si se mostrou máis optimista en relación a Okay: “Cremos que ten varias ofertas e estamos agradecidos polas súas formas e elegancia”, explicou.
En canto á situación económica do club, Mouriño avanzou que as circunstancias excepcionais vividas durante o último exercicio suporán unhas perdas aproximadas de 16 millóns. Con todo, ser un dos equipos máis saneados de LaLiga e o importante patrimonio neto da entidade, fan ser positivo ao presidente: “Temos moitos recursos para poder traballar”. O mandatario ofreceu máis detalles sobre as contas do club e explicou que “o 96% dos ingresos previstos van á parte deportiva”, o que supón un 4% restante que “non chega para manter a estrutura”. O RC Celta é consciente desta realidade e traballa con confianza e decisión para “buscar solucións”.
Por último, Carlos Mouriño foi cuestionado sobre o obxectivo do equipo para a tempada 2021/22: “Hai que ter ilusión, pero resístome a pór metas. Non pensamos pasar apuros e, como falamos co adestrador, canto máis arriba, mellor”.