DIAPOSITIVA 2
O Club

Celta e Athletic Club únense para celebrar o “Día das Letras Galegas” con diferentes accións culturais

RC Celta

Os capitáns intercambiarán libros sobre o céspede de San Mamés antes do partido

O Celta desenvolverá este domingo, co máximo apoio e a colaboración do Athletic Club, unha serie de accións conmemorativas con motivo do “Día das Letras Galegas no marco do encontro de LALIGA que enfrontará a ambos os equipos en San Mamés.

A principal delas terá lugar nos instantes previos ao asubío inicial, cando os capitáns de ambos os equipos protagonizarán un intercambio simbólico de libros sobre o céspede como mostra da unión entre fútbol, cultura e identidade. O Celta agasallará ao club bilbaíno con Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño -autora homenaxeada nas “Letras Galegas 2026”-, e Un equipo para un país, de Xavier Sánchez Pazos, primeiro libro editado baixo a marca celeste RIO1923. Pola súa banda, o Athletic Club entregará dous libros editados pola Fundación Athletic Club: a novela Makatza, de Andoni Egaña, e Boise, de Nerea Ibarzabal, Xabi Paya e Onintza Enbeita.

A iniciativa incluirá tamén unha gráfica especial nas redes sociais e na pantalla exterior de San Mamés, sumándose así o Athletic Club á celebración das “Letras Galegas e á promoción da lingua e cultura galegas.

Ademais, o club bilbaíno quixo ter un detalle especial co cadro celeste, deixando nos cuartos do hotel de concentración un libro de autoría vasca para cada xogador celeste. Os títulos escollidos forman parte dunha coidada selección literaria que poñen en valor a riqueza cultural de Euskadi.

Desde o Celta queremos expresar o noso sincero agradecemento ao Athletic Club pola súa sensibilidade e complicidade con esta celebración, así como pola súa aposta por un fútbol que transcende o deportivo e serve tamén como espazo de encontro entre cultura, lingua e identidade.

Ambos os clubs compartimos un xeito de entender o fútbol estreitamente vinculada ás nosas raíces e á defensa do noso patrimonio cultural, demostrando que o deporte tamén pode ser unha poderosa ferramenta para celebrar e difundir a cultura.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas