Os autobuses compartidos por cadetes e benxamíns de ambos clubs partiron esta tarde
Os equipos de cadetes e benxamíns de Celta e Deportivo deixaron hoxe en Vigo e A Coruña imaxes cargadas de simbolismo, que mostran que a deportividade, a colaboración e a rivalidade sa son totalmente compatibles coa paixón, a entrega e o afán de vitoria dentro do terreo de xogo. Ese é o obxectivo da iniciativa de ambos clubs de propiciar estas viaxes compartidas dos seus equipos de categorías inferiores: mostrar de xeito inequívoco que os derbis débense vivir co máximo respecto fora do céspede e coa habitual tensión, enerxía e intensidade no campo.
Os dous autobuses nos que viaxan os xogadores de ambos clubs, cadetes cara a Zaragoza e benxamíns cara a Valladolid, partiron esta tarde para participar en dous prestixiosos torneos de Semana Santa.
Os cadetes comparten cartel no Trofeo César Augusta con equipos como Real Madrid ou Fútbol Club Barcelona, mentres que os conxuntos do Benxamín A de Celta e Deportivo desprazanse a Iscar, en Valladolid, para participar na Iscar Cup, onde participan equipos como Real Madrid, Barcelona ou Villarreal. A fase de grupos na que participan os célticos terá lugar os días 2 e 3 de abril.