O Real Club Celta e a súa Fundación viviron hoxe unha xornada emotiva e moi especial. Ambas as institucións deron un gran paso cara un dos obxectivos que máis ilusión xera, a expansión internacional do Celta, a divulgación do celtismo e os valores que leva consigo. A Fundación celeste proxecta inaugurar a curto prazo escolas de fútbol en diferentes países e nalgúns casos son iniciativas que alcanzaron xa a súa última fase. Esta mañá, o presidente do RC Celta, Carlos Mouriño, recibiu na sede social celeste aos coordinadores dos proxectos que levarán a cabo en Arxentina e Estados Unidos, ademais de dúas novas escolas en México, concretamente nas cidades de Guadalajara e Ciudad del Carmen, que se unirán á de Campeche. Todos eles permanecerán en Vigo varias semanas para coñecer o funcionamento as escolas celestes, recibir formación e empaparse dos valores que promove a Fundación Celta de Vigo.
O mandatario celeste agradeceu aos coordinadores a súa disposición a formar parte deste ilusionante proxecto, e recoñeceu que se trata de “un paso vital para o noso desenvolvemento como club”. Mouriño destacou que tras varios anos de intenso traballo, a entidade atópase atravesando un bo momento: “As dificultades que tivemos tanto a nivel deportivo como social alimentáronnos e déronnos ánimos para poder estar agora nun momento doce, superando todas as nosas débedas e cun equipo que cada vez conta con mellores xogadores”.
Este proxecto de escolas internacionais será o reflexo do que se veu traballando durante os últimos anos na Madroa, onde semanalmente impártense clases de fútbol aos máis pequenos aplicando a metodoloxía da canteira do Real Club Celta. Nun futuro espérase que sexa posible contar con equipos que compitan, tal como xa o fan en México baixo o nome de Celta Campeche. O presidente do Celta reiterou que “a nosa filosofía é que os mozos teñen que aprender a xogar ao fútbol, pero que non van vivir necesariamente diso, porque son moi poucos os que chegan a xogar nos grandes equipos. Por iso, temos que estar moi pendentes para que os nenos, á parte de xogar ao fútbol, crezan en valores e aprendan a confiar neles mesmos sabendo que o primeiro que deben facer é divertirse”.
Tanto o club como a súa Fundación consideran esencial o desenvolvemento internacional de ambas as entidades. Por este motivo, continuarase realizando un importante esforzo na creación de proxectos desta índole que fomenten e reforcen a súa presenza internacional e axuden á divulgación dos valores do celtismo.