O Celta e Leche Río de Galicia, marca pertencente a Grupo Lence, veñen de asinar un acordo de patrocinio polo que a recoñecida compañía láctea galega convértese en novo Proveedor Oficial do club. Ademais do primeiro equipo, o vínculo esténdese tamén ao fútbol feminino, mantendo o seu apoio e #ActitudRío xunto a As Celtas.
Esta colaboración, que se prolongará durante a tempada 25/26, contempla a presenza da marca en roldas de prensa oficiais e en diversos activos dixitais.
Marián Mouriño, presidenta do Celta, valorou este acordo como “unha alianza con profundo significado emocional e territorial, que reforza o noso compromiso con Galicia e co noso. Unha unión entre dúas entidades que comparten raíces, valores e unha mesma forma de entender Galicia, baseada no orgullo, esforzo e compromiso”. Pola súa banda, Carmen Lence, presidenta de Grupo Lence, expresou que este patrocinio representa “unha oportunidade única para seguir medrando xunto a un club que, como nós, leva Galicia no corazón. É unha honra ir da man dunha entidade que leva o nome de Galicia polo mundo e que comparte a nosa paixón por facer ben as cousas desde aquí, desde a nosa terra”.
Con máis de 50 anos de historia, Grupo Lence é unha empresa familiar 100 % galega, segunda en recollida de leite en Galicia e a única da comunidade entre as catro principais compañías lácteas de España. A súa marca Río de Galicia naceu do espírito de superación do seu fundador, Jesús Lence, a quen lle gustaba bromear contando que entrou no sector “por una casualidad de la leche”: ao bordo da quebra, aceptou como pago uns camións para transportar leite e, o que semellaba o final da súa carreira empresarial, converteuse no inicio do seu maior éxito. Esa mensaxe de resiliencia reflíctese no seu icónico envase: un cántaro volcado, que representa un fracaso, do que sae un río de leite que rega un campo onde florecen margaridas ao amencer. Un símbolo de que cada novo día é unha oportunidade para alimentar os soños e facelos florecer.
Este compromiso do Grupo e da súa marca Leche Río de Galicia coa orixe e a superación conecta directamente cos valores do Celta, un club que aposta polo propio, e un icono de superación como entidade.
Para o Celta, contar co respaldo dunha empresa galega tan relevante é motivo de orgullo. Esta unión nace desde as raíces e mira ao futuro, coa ilusión de medrar xuntos, fomentar a cultura do esforzo e da superación, e levar o nome de Galicia sempre por diante. Xuntos, Celta e Río de Galicia comparten o desexo de proxectarse máis alá das nosas fronteiras, gañar visibilidade a nivel nacional e internacional, e reforzar a súa presenza levando con orgullo o selo galego a novos horizontes.
Sobre Grupo Lence
Grupo LENCE, con sede en Lugo, é un grupo familiar dedicado á alimentación desde 1975. A súa principal área de actividade é a comercialización de produtos lácteos a través de varias marcas propias, entre elas Leyma e Río de Galicia. Conta para iso con tres plantas de produción e traballa diariamente con máis de 350 explotacións gandeiras do rural galego, o 75 % de tamaño mediano e pequeno. Compra e transforma toda a súa produción en Galicia, sendo a segunda por volume de recollida de leite na comunidade, o que a converte nunha empresa clave para o sector lácteo galego.