CABECERA-WEB-CARNÉ CELTISTA
Celtismo

Chega o carné que une á familia celeste

RC Celta

O RC Celta lanza esta tempada unha proposta moi especial, ideada para unir a todos os celtistas alá onde estean. Baixo o lema “Herdeiros”, nace o Carné Celtista, que permite que aqueles que desexan formar parte da familia celeste, pero que por motivos económicos, laborais ou de distancia non poden asistir regularmente aos partidos, poidan posuír o seu carné e gozar das mesmas vantaxes que un abonado convencional, excepto a butaca en Abanca Balaídos. Desta maneira, os posuidores do Carné Celtista obterán un número de antigüidade, dispoñerán do mesmo desconto nas tendas oficiais e poderán acceder aos partidos da Celta Fortuna, As Celtas, Celta Zorka Recalvi e categorías inferiores. Ademais, gozarán dun bono regalo benvida de 10 euros para empregar ou en Ticketing ou en tendas oficiais.

O prezo do carné celtista é de 30 euros por tempada. Pero, ademais, preséntanse outras 2 modalidades adicionais que permiten aos afeccionados apoiar a dous dos proxectos fundamentais do RC Celta: o novo equipo As Celtas e a Fundación. O Carné Celtista As Celtas, que se pode adquirir por 50 euros e inclúe todos os beneficios do carné celtista, permite tamén apoiar o proxecto máis emocionante das próximas tempadas, fomentando a participación de nenas no fútbol e ofrecéndolles referentes dentro do club. Os celtistas que se decanten por esta modalidade recibirán unha bufanda As Celtas como obsequio.

Pola súa banda, o Carné Celtista Colaborador, cuxo custo é de 80 euros, ofrece, ademais de todas as vantaxes do carné celtista, a posibilidade de contribuír ao labor e desenvolvemento da Fundación Celta: campus, clínicas e escolas de fútbol tanto en Galicia como a nivel internacional, promovendo a metodoloxía e o sentimento celeste. Un labor que reforza accións de igualdade, integración e solidariedade a través do deporte.

A solicitude deste carné está dispoñible desde este momento, a través do portal celtista ou nos despachos de billetes de Abanca Balaídos, ata final de tempada. O RC Celta espera que esta iniciativa perdure durante moitos anos, estendendo o sentimento celtista por todo o mundo. Somos herdeiros dunhas cores, dunha tradición e dunhas raíces. Somos herdeiros dun sentimento inexplicable e cada posuidor desta nova tarxeta celeste levará esta herdanza máis aló dos muros de Abanca Balaídos, de Vigo e de Galicia para percorrer todos os lugares nos que lata un corazón celeste.

RC Celta

Etiquetas

Celtismo Novas club Novas destacadas O Club

Noticias recomendadas