16x9
O Club

Chiño, a nova mascota do Celta que ninguén pedira

RC Celta

O Celta e a gaivota viguesa Chiño acadaron un acordo para a súa incorporación como nova mascota oficial do club, vinculándose á entidade celeste ata final da presente tempada.

Natural das Illas Cíes, Chiño chega para reforzar o vínculo entre o equipo e a súa afección, achegando un perfil diferencial dentro da entidade celeste. Desde a dirección deportiva valórase especialmente a súa autenticidade e esencia viguesa, nunha incorporación que, aínda que non responde aos parámetros habituais do mercado, contribúe a enriquecer o proxecto social e emocional do Celta.

É un extremo oportunista que destaca pola súa axilidade en situacións imprevisibles, unha notable habilidade no roubo de pinchos en terraza e gran potencia no disparo biolóxico. Sinceramente, non teño claro que significa nada disto”, declarou Marco Garcés, Director de Fútbol.

Ao longo da súa traxectoria desenvolveu unha carreira pouco convencional, pero constante, sendo habitual en contornas costeiras de alta esixencia e amosando unha gran adaptación a espazos urbanos. “O importante é participar. Esta primeira alta na Seguridade Social aos meus 36 anos é un triunfo para min e para todas as da miña especie”, declarou un Chiño emocionado e incrédulo a partes iguais.

Chiño toma o relevo das lendas Nocho e Celestino —mascotas noventeiras do Celta— e asina co club vigués ata final de tempada a cambio de varios anacos de pan duro e un cubo de sardiñas, o que aumenta a sensación de que hai moitas esperanzas depositadas nel.

O club dálle a benvida a Chiño, confiando en que a súa presenza achegue proximidade, identidade e, na medida do posible, certa profesionalidade no seu comportamento dentro e fóra do terreo de xogo.

Benvido, Chiño!

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas