16_9 (1)
Celtismo

Cigarróns, boteiros e folións serán os protagonistas na previa do Celta – Leganés

RC Celta

O RC Celta dá un paso máis no seu afán por dar visibilidade e poñer en valor, cun gran orgullo, ao patrimonio cultural de Galicia. Nesta ocasión, o Entroido galego será o gran protagonista na sesión de fútbol dobre programada en Abanca Balaídos este sábado: o Celta – Leganés ás 14:00h. e As Celtas – Deportivo da Coruña B ás 19:00h.

Merdeiros, Pantallas, Cigarróns, Peliqueiros, Boteiros, Madamas, Galáns, Máscaras, Xenerais… Son decenas os personaxes tradicionais do Entroido en Galicia, unha celebración ancestral que forma parte da identidade da nosa terra. A riqueza e diversidade desta festividade convértena nun tesouro cultural que o RC Celta quere contribuír a transmitir ás novas xeracións e dar a coñecer ante toda a audiencia de LaLiga.

Nesta primeira edición da homenaxe ao Entroido galego en Abanca Balaídos, os grandes protagonistas serán os Cigarróns de Verín e os Boteiros e Folións de Viana do Bolo. Estes icónicos personaxes saltarán ao céspede do estadio pouco antes da saída dos xogadores, enchendo de cor e enerxía o ambiente e poñendo en valor unha tradición que se remonta por centos de anos atrás. A intención do club é que, cada ano, Abanca Balaídos renda homenaxe a diferentes figuras do Entroido, recoñecendo así a riqueza e variedade desta festividade en toda Galicia.

Ademais, ao finalizar o partido entre o Celta e o Leganés e antes do inicio do As Celtas – Dépor B, a celebración do Entroido continuará nos exteriores do estadio. Para amenizar a espera entre ambos os encontros, poderase gozar de comida típica destas datas, como filloas, orellas e flores de entroido, e por suposto, a emblemática empanada galega. Unha oportunidade perfecta para que a afección celeste goce dunha xornada de fútbol e tradición nun ambiente festivo e auténtico.

A xornada concluirá cun partido crucial para As Celtas, que se medirán ao Deportivo da Coruña B nun duelo vital para as súas aspiracións de ascenso na súa primeira tempada de competición. Desde o RC Celta animamos a toda a afección a que permaneza no estadio tras o primeiro partido e apoie ao noso equipo feminino neste emocionante encontro.

RC Celta

Etiquetas

Celtismo Novas destacadas

Noticias recomendadas