Os traballos para a substitución do céspede de Balaídos avanzan a moi bo ritmo. Ao estadio vigués chegaron ao longo da xornada de hoxe 8 camións refrigerados cargados cos primeiros metros do novo céspede, cuxa instalación xa comezou, e nos próximos días chegará o resto: 10 camións o venres e 6 o sábado. En total, máis de 500 tepes de céspede producido en Burdeos que permitirán ao RC Celta gozar dun tapete excelente.
A instalación iníciase tras varios días de intenso traballo previo nos que se retirou o céspede anterior, así como máis de 400tm de terra e area, e mellorouse a planimetría do campo mediante un sistema láser de nivelación.
Royalverd, líder mundial en céspede deportivo, é a encargada dunha renovación do terreo de xogo que permitirá ao equipo desenvolver con total garantías a súa proposta futbolística. A empresa ten previsto que os traballos de instalación e mantemento conclúan entre o martes e o mércores da próxima semana para que o campo estea listo para a disputa dun eventual partido de Copa.