ESCUDO-1300x400-02
Centenario

Comeza a semana do noso Centenario; unha semana para todo o celtismo

RC Celta

AFICION 1Hoxe comeza unha semana histórica, unha semana que quedará gravada na memoria de todo o celtismo, a semana na que o Real Club Celta cumpre 100 anos de vida. Por diante preséntanse días de celebración pensados para todo o celtismo en xeral, a cidadanía e os abonados celestes.

A primeira data que todo celtista debe marcar no seu calendario é o mércores 23 de agosto, día do aniversario do club. O RC Celta celebrará un acto conmemorativo na Cidade Deportiva Afouteza. Alí, acompañado por unha ampla representación social e institucional, o club lembrará a súa historia e debuxará o seu futuro ante as forzas vivas do celtismo.

Os abonados que desexen asistir e formar parte deste primeiro evento do Centenario, terán a oportunidade de participar nun sorteo que organiza o club para que poidan ser partícipes do acto.

Ademais, esa mesma mañá do mércores 23 de agosto, o RC Celta conmemorará a firma entre o Vigo Sporting e o Fortuna, cuxa fusión foi a orixe do club celeste. No lugar exacto da fundación do Real Club Celta, a Biblioteca Pública Juan Compañel, que en 1923 era a sede da Fundación Gremial de Patróns, descubrirase unha placa conmemorativa para deixar constancia da orixe da entidade celeste.

Posteriormente, o venres 25 de agosto, o celtismo será o gran protagonista das celebracións do Centenario. Ese día, terá lugar o gran acto da festa do Centenario, onde equipo e afección daranse a man en Abanca Balaídos.

Desde primeira hora da tarde, durante a previa do encontro que enfrontará ao RC Celta e ao Real Madrid, nos exteriores do estadio haberá unha serie de actividades para os celtistas de todas as idades: animación infantil, pinta-caras, inchables, batukada etc.

A música non podía faltar nesta gran celebración. Durante a previa do partido, dous grupos musicais, vellos coñecidos de todo o celtismo e do panorama musical galego, animarán nas horas previas á entrada no estadio para empezar o encontro cos ánimos ben arriba. Dakidarría (17:30 h) e Keltoi! (19:00 h) son os invitados de honra para esta gran festa celeste.

Xa no interior de Abanca Balaídos, todos os celtistas poderán gozar do himno do Centenario como nunca antes fixérono: co despregamento dun tifo para a ocasión e a estrea dun show de luces que irá ao son da composición de C. Tangana.

As celebracións do Centenario completaranse cunha das citas máis esperadas polos celtistas de todos os tempos: o ‘Partido de Lendas’. Un encontro coas lendas que contribuíron a engrandecer a historia do club e que unha vez máis, e só durante unha única noite, a do 30 de agosto, volverán saltar ao terreo de xogo de Abanca Balaídos.

Os celtistas teñen por diante grandes xornadas de celebración, de pararse e mirar cara atrás, cara á nosa historia e tradición, pero tamén cara a adiante, cara a un futuro onde club e afección seguirán percorrendo este camiño xuntos. E como ocasión especial, desde o club facemos un chamamento a todos os celtistas, para que se unan a nós axudándonos a engalanar toda a cidade de celeste, colgando nas súas xanelas, balcóns e terrazas a bandeira do noso equipo, para que todo o mundo decátese que conmemoramos 100 anos de afouteza e corazón.

RC Celta

Etiquetas

Centenario

Noticias recomendadas