
O Real Club Celta encarna, defende e promulga uns valores que toda a súa afección coñece e comparte, pois realmente emanan deles. A violencia, en calquera das súas manifestacións, non forma parte da identidade nin dos valores do celtismo. Por tanto, o club condena firmemente calquera tipo de actuación violenta, como a rexistrada onte á noite nunha céntrica rúa da cidade contra afeccionados do Olympique de Lyon.
O Celta tomará as medidas necesarias para evitar que este tipo de afeccionados violentos, que non representan en absoluto ao celtismo, poidan ocupar un asento no estadio de Abanca Balaídos, un lugar no que só cabe a rivalidade deportiva desde a tolerancia e o respecto.
O club confía e desexa que tanto o partido desta noite como o de volta en Lyon transcorran sen máis incidentes e sexan exclusivamente o que deberían ser: un apaixonante reto deportivo para acadar os cuartos de final da Europa League.