
LaLiga acordou esta mañá, en coordinación con ambos os clubs e a RFEF, aprazar o encontro que debía enfrontar ao Celta e ao CA Osasuna o vindeiro domingo en Abanca Balaídos debido a unha enfermidade que afectou ao céspede do estadio, que nestes momentos non se atopa apto para a práctica do fútbol.
A semana pasada realizouse unha visita técnica por parte de LaLiga na que se validaron os traballos realizados para erradicar a enfermidade que afectaba o céspede e certificouse que o campo cumpría os parámetros de calidade e seguridade esixidas para a práctica deportiva. As condicións climáticas dos últimos días produciron un efecto adverso na boa evolución que estaba a ter o terreo de xogo e propiciou a decisión de suspender o encontro.
O partido xogarase finalmente o vindeiro xoves, 27 de agosto, ás 20.30 horas.
As entradas despachadas para este partido ante Osasuna seguen sendo totalmente válidas para o novo horario, polo que non será necesario realizar ningunha xestión adicional. Para calquera dúbida ou consulta relacionada coas entradas, poderá poñerse en contacto a través do correo celtistas@celta.gal ou na Área Celtista.
O Celta lamenta as molestias e inconvenientes que esta decisión poida ocasionar a todos os afeccionados que xa organizaran a súa xornada para acompañar ao equipo neste inicio da competición, e agradece a comprensión ante esta circunstancia excepcional.